SanidadeÚltima hora

De Nai a Nai organiza un coloquio sobre o efecto da maternidade na parella

Será o mércores 11 de marzo ás 17:30 horas no 4º andar do edificio da Biblioteca, no Barco

“A chegada dos fillos transforma profundamente a vida dunha muller”, aseguran dende De Nai a Nai, explicando que cambian as prioridades, o ritmo, a identidade e a forma de relacionarse coa contorna. “Pero hai unha pregunta que moitas veces queda sen espazo para ser abordada: que ocorre na parella cando chega a maternidade?”

Co obxectivo de abrir unha conversación sincera e construtiva sobre este tema, a asociación organiza o coloquio “A maternidade transfórmanos… e á parella?”, un espazo de encontro pensado para mulleres en distintas etapas (embarazadas, nais de nenos pequenos e nais de adolescentes) que desexen compartir experiencias reais sobre as diferenzas e tensións que adoitan xurdir na crianza. “Diversos estudos sociolóxicos evidenciaron que, tras a maternidade, moitas mulleres asumen unha maior carga mental e organizativa no fogar, o que pode xerar desgaste emocional e dificultades na comunicación dentro da parella. Con todo, estas vivencias adoitan vivirse en silencio, de maneira individual, cando en realidade son experiencias comúns en moitas familias”, explican dende De Nai a Nai.

 

 

Este coloquio, que se celebrará o vindeiro mércores 11 de marzo ás 17:30 horas no 4º andar do edificio da Biblioteca, no Barco, nace “da necesidade de crear un espazo seguro, sen xuízos nin culpas, onde poder expresar inquietudes, comprender as diferenzas que se dan entre homes e mulleres na crianza e explorar ferramentas de comunicación que axuden a fortalecer o traballo en equipo”, aseguran dende a organización, explicando que máis que sinalar problemas, o encontro “busca xerar conciencia compartida e ofrecer recursos prácticos que permitan transformar as dificultades habituais en oportunidades de diálogo e crecemento”.

A participación está aberta a todas as mulleres interesadas en reflexionar, compartir e atopar novas maneiras de soster a maternidade en equipo.

Back to top button