Na asociación De Nai a Nai estase a levar a cabo un proxecto no que se solicita a colaboración dos establecementos e empresas do Barco para contribuír á visibilización e normalización da lactación materna. “Trátase dun plan de colaboración recollido no Proxecto O Barco Cidade Amiga da Lactación Materna, presentado pola Asociación De Nai a Nai ao Concello”, indican dende esta asociación.
Este proxecto ten como obxectivo “forxar vínculos entre entidades públicas, empresas e asociacións para visibillizar a lactación nos espazos públicos e fomentar esta práctica, xerando ambientes máis amigables coas mais lactantes porque as criaturas teñen dereito a ser aleitadas cando sexa necesario”, comenta a presidenta de De Nai a Nai, Lorena Prada. “Todas as empresas que desexen adherirse comprometeranse a acoller no seu local e a ofrecer unha cadeira cómoda ás mulleres lactantes que necesiten un lugar para aleitar, sen compromiso de consumir ou comprar nada. Así mesmo, comprométense a non emitir ningún xuízo de valor ou consello en contra do amamantamiento”, engade.
Para que as mulleres poidan identificar estes espazos amigos da lactación materna, colocaranse unha adhesivos identificativos nun lugar visible desde o exterior.


