
A directiva da Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) vén de expresar a súa decepción tras unha reunión celebrada onte, 19 marzo, no Hospital Público de Valdeorras, co director do Distrito Sanitario de Valdeorras para abordar o tema da elaboración dun protocolo de atención á silicose na comarca. Así o manifestaban membros da súa directiva, esta mañá aos medios.
Despois da reunión que Asilival mantiña o 19 de febreiro en Viloira (O Barco) con representantes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, “quedamos en que volveríamos a reunirnos e en que nos pasarían un borrador do protocolo por escrito e, tras un mes, como non nos daban resposta entón púxenme en contacto co xerente do hospital para pedir unha nova reunión con el, pero tamén co xerente da área sanitaria”, sinala o presidente de Asilival, José Rodríguez, acompañado polo secretario da asociación, Óscar Yáñez, e por un dos vogais da mesma, Alejandro Fernández, na sede da entidade.
Finalmente, eran convocados a unha xuntanza o mércores 19 de marzo na que, segundo explica Rodríguez, participaba unicamente o director do Distrito Sanitario de Valdeorras, Alberto Pedrera. “Acudimos acompañados dun asesor, ao que o director lle pediu que saira da reunión, e despois leunos un borrador de protocolo que non entendimos, pedímoslle que nos dera unha copia ou alomenos que nos deixara facer unha foto para poder telo, e díxonos que non. Por iso saímos moi decepcionados da reunión e sentímonos enganados”, asegura José Rodríguez.
Dende Asilival tamén indican que está prevista unha nova xuntanza cos responsables da área sanitaria ourensá, inicialmente prevista para o vindeiro 27 de marzo. “Será dous días antes da asemblea que temos convocada para o día 29 de marzo ás 18h. no salón de actos do edificio Multiusos do Barco. O que nos digan analizarase na asemblea, pero o que está claro é que nos imos seguir adiante coas nosas demandas, necesitamos un neumólogo que poida atender as persoas afectadas por esta enfermidade, que son moitas”.
Eloy Sánchez: “O compromiso de elaborar o protocolo é firme”
Dende a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco asegúrase que “o compromiso” de elaborar un protocolo clínico específico sobre a silicose “é firme e segue en pé, pero a súa elaboración leva un tempo, tendo en conta que implica a distintos servizos e hospitais”.

O doutor Eloy Sánchez, director asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, comenta que “mantivemos unha reunión coa asociación e establecimos a necesidade de organizar un protocolo de asistencia progresiva, dende atención primaria ata hospitalaria, incluíndo as consultas específicas e monográficas de enfermidade pulmonar intersticial e de silicose, tamén analizando as posibilidades de realizar todas as exploracións posibles na área de Valdeorras sen necesidade de desprazamento dos pacientes, e incluíndo a necesidade de establecer consultas de alta resolución, nas cales no caso de que o paciente teña que acudir ata Ourense, se lle realice todo o mesmo día”.
Así, o doutor Sánchez insiste en que este protocolo “estase a desenvolver, hai un borrador que elaborou o Servizo de Neumoloxía e que se está discutindo, por ausencias dos facultativos de neumoloxía e do director asistencial, isto demorouse unhas semanas máis, pero o compromiso mantense e imos seguir desenvolvendo este protocolo, que se presentará aos pacientes e aos médicos de Atención Primaria do Hospital de Valdeorras, como corresponde”.