
A Consellería do Medio Rural informa da declaración, como medida preventiva, da Situación 2 no incendio forestal activo que se rexistra no concello lucense de Quiroga, parroquia de Pacios da Serra. Esta situación operativa de emerxencia decrétase pola proximidade do lume aos núcleos de Casa do Vello, As Barxas e Penarrubia.
Este lume iniciouse ás 15.25 horas de onte martes e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 320 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 10 técnicos, 39 axentes, 49 brigadas, 35 motobombas, 8 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 12 avións.
A mañá estaba sendo tranquila e, aínda que non controlado, o lume avanzaba sen demasiada velocidade. Pero a situación cambiou completamente sobre as tres da tarde, cando se levantou un forte vento que fixo avanzar rapidamente as lapas e que o fume circule moi baixo, o que dificulta enormemente as labores de extinción, tal e como se informa dende o Concello de Quiroga.
No lugar das Barxas, o núcleo máis ameazado polo de agora atopábanse, no intre de escribir estas liñas, o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera; e o concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Luis Manuel Arias.
“O vento que supera os 20km/h está complicando a situación, unido á orografía, por tratarse dunha zona encaixada, e a densa fumareda, están practicamente impedindo o traballo dos medios aéreos máis pesados”, aseguran dende o Concello de Quiroga.
