
A Consellería do Medio Rural vén de informar de que se declarou a Situación 2, como medida preventiva, no incendio forestal do concello ourensán de Boborás, parroquia de Moreiras, que permanece activo. Esta situación operativa de emerxencia declárase pola proximidade do lume ao núcleo de Vecoña.
Este lume iniciouse ás 21:55 horas de onte sábado e, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 4 técnicos, 8 axentes, 20 brigadas, 11 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 pas, 5 helicópteros e 9 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.
