En portadaÚltima hora

Decrétase a Situación 2 a nivel provincial en Ourense polos incendios

Isto implicará, segundo Medio Rural, "unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia"

Incendio en Requeixo (Chandrexa de Queixa)./ Cedida.

 

A Consellería do Medio Rural vén de informar de que está decretada a Situación 2 en toda a provincia de Ourense, “o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia”. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A situación dos incendios forestais rexistrados na provincia neste momento é a seguinte:

Activo Maceda-Santiso

Desde as 03.13 horas desta madrugada está activo un lume no concello de Maceda, parroquia de Santiso, no que foi preciso declarar a Situación 2 como medida preventiva, pola súa proximidade aos núcleos de Calveliño do Monte e Santiso. Este incendio, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 500 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 10 axentes, 14 brigadas, 6 motobombas, 3 pas, 4 técnicos, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 6 avións.

Activo Chandrexa de Queixa-Requeixo

Continúa activo desde as 15.51 horas do venres o incendio forestal do concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta a arredor de 3.000 hectáreas. Neste lume foi preciso decretar a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade a núcleos de poboación.

Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 14 técnicos, 51 axentes, 79 brigadas, 40 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 12 helicópteros e 14 avións. Tamén se incorporaron ás tarefas de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo A Mezquita-A Esculqueira

Desde as 09.42 horas de hoxe está activo un incendio forestal no concello ourensán da Mezqueita, parroquia da Esculqueira, que segundo as últimas estimacións provisionais supera as 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 2 axentes, 3 brigadas, 4 motobombas, 1 pa, 1 helicóptero e 4 avións.

Activo Cartelle-Anfeoz

Desde as 18.28 horas de onte está activo un lume no municipio de Cartelle, parroquia de Anfeoz que, segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 3 técnicos, 9 axentes, 12 brigadas, 7 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 2 avións.

Estabilizado Vilardevós-Moialde

Está estabilizado desde as 10.02 de hoxe martes o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde. Segundo as últimas estimacións, o incendio, que se iniciou ás 16.05 horas de onte luns, afecta arredor de 40 hectáreas e, polo de agora mobilizáronse na súa extinción 2 técnicos, 5 axentes,11 brigadas, 11 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 6 avións.

 Estabilizado Montederramo-Paredes

Está estabilizado desde as 10.35 horas de hoxe o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou onte luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo momento, 2 técnicos, 5 axentes, 10 brigadas, 7 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 6 helicópteros e 5 avións.

Estabilizado Vilariño de Conso-Mormentelos

Desde as 23.37 horas de onte luns está estabilizado o lume do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 180 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 14 axentes, 18 brigadas, 13 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 2 helicópteros e 4 avións.

Estabilizado Maceda-Castro de Escuadro.

Está estabilizado, desde as 23.37 horas do domingo, o incendio do concello de Maceda, parroquia de Castro de Escuadro, que se iniciou o sábado ás 23.19. Na tarde de onte luns houbo unha reactivación deste lume e, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 450 hectáreas. Iniciouse en entre cinco e seis puntos case simultáneos, o que apunta cara unha clara intencionalidade. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 5 técnicos, 27 axentes, 42 brigadas, 34 motobombas, 5 pas, 6 helicópteros e 10 avións.

Back to top button