En portadaGalerías de fotosÚltima hora

“Deixémonos de caralladas, falemos da troula que nos agarda e vivan as Festas do Cristo!”

O escultor Xelo de Tremiñá abría oficialmente o Cristo 2018 no Barco cun pregón cheo de humor, agradecementos e moi emotivo no que convidaba a desfrutar desta celebración

A saída das Calantornias, acompañadas polo grupo tradicional de Airiños de Caldelas, anunciaba o inicio dos actos das Festas do Cristo 2018 no Barco. Ían ata a praza Maior, onde pasadas as oito e media da tarde do 13 de setembro comezaba a lectura do pregón nun escenario cheo de obras artísticas do homenaxeado deste ano: o escultor Ángel García Álvarez “Xelo de Tremiñá”.

“Non é fácil presentar a quen todo o mundo coñece”, comezaba dicindo o introdutor do acto, o técnico de Cultura do Barco Gustavo Docampo, “Xelo é un artista moi popular, querido e admirado e as súas obras forman parte da nosa vida”. A partir de aí facía un breve percorrido pola súa biografía, facendo especial fincapé na súa traxectoria como escultor e con referencias a unha serie de obras tanto de carácter relixioso como civil, figurativas e abstractas que poden verse percorrendo Valdeorras como son a imaxe do Santo Tirso (Veigamuíños), a de Santa Rita (O Barco), esculturas como a do Xardín Botánico do Barco ou fontes como a da praza do Príncipe desta mesma vila. Pero outra moitas están espalladas por diferentes de España e tamén noutras parte do mundo. Citaba tamén as súas terracotas, bustos e as portas realizadas para templos como a Basílica da Virxe da Encina en Ponferrada.

Proxectábase un video con fotografías do pregoeiro, e finalmente Docampo convidábao a subir ao escenario, destacando a súa especial forma de ser “alegre e positiva”, para proceder á lectura do pregón en medio de fortes aplausos. Xelo de Tremiñá facía un discurso moi cercano, salpicado de recordos sobre a festa, a súa adolescencia e escultura, que compartía co seu singular sentido de humor, pero tamén de agradecementos e con momentos moi especiais e emotivos.

Empezaba dando ás grazas á Corporación do Barco, e en concreto á súa concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, “porque é un orgullo ser convidado a formar parte deste acto”. Seguidamente convidaba a veciños e visitantes a desfrutar destas Festas do Cristo: “aquí cabemos todos! E máis que veñan!”. E a partir de aí contaba os seus primeiros recordos desta celebración, cando a súa nai traía “unha cestiña dende Tremiñá” para cear na explanada do que hoxe é o Concello Vello. “Era unha odisea xuntarnos a todos para cear, eramos sete irmáns e sempre tiña a dúbida de se faltaba alguén ou xa ceara”, comentaba. E despois de cear viñan a festa na mesma praza Maior para ver as “ruedas” e escapar como se podía do “célebre touro”, proseguía.

Falaba tamén o tempo da nenez, cando saía coa súa pandilla en Tremiñá (O Barco),  a dos “Timbreros”, e as anécdotas de cando ían á “prea das uvas e das cereixas”. “Formabamos unha piña, todos eramos un. Para os que están con nós e para os que non nos acompañan, unha aperta moi forte”.

 

Xelo de Tremiñá nun dos momentos da lectura do pregón./ Foto: Carlos G. Hervella.

Referíase  á súa chegada á escultura e a súa evolución como artista. Todo empezaba sendo adolescente, cando entraba como aprendiz no obradoiro do ebanista don Robustiano no Barco, no que sen ter aínda 17 anos era xa nomeado tallista oficial. Ao seu mestre nese taller facíalle unha homenaxe especial. Logo ganaba un premio en Ourense e ese era o empurrón definitivo que o levou a estudar escultura en Madrid, tempo no que vivía na casa da súa irmá Ermitas, a quen lle expresaba o seu máis agarimoso agradecemento.

E, finalmente, relataba a súa volta ao Barco e o reto de vivir da escultura, “sabía que non ía ser doado, como así resultou ser”. E continuaba con mencións moi especiais á súa muller, Margarita “que segue a ser o meu apoio incondicional”, aos seus tres fillos e compañeiras e aos seus tres netos, cunha referencia particular a Nacho, “que é o mellor amigo e compañeiro”. Cunha invitación á festa pechaba o seu discurso: “Deixémonos de caralladas, falemos da troula que nos agarda e vivan as festas do Cristo 2018!”.

Ao final do acto o alcalde do Barco, Alfredo García, e a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, subían ao escenario para entregarlle a Xelo de Tremiñá un ramo de flores e unha escultura feita por artista valdeorrés Cochorro, que acostuma entregarse cada ano ao pregoeiro. “É como manda a tradición”, dicía sorrindo o alcalde. Co chupinazo, da man de Xelo de Tremiñá, comezaban de xeito oficial os festexos no Barco, que durarán ata o vindeiro 16 de setembro.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Artigos relacionados

Back to top button