
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollía na tarde deste venres, 13 de novembro, a inauguración da exposición de Rosendo Cid Parecerse a uno mismo, tal vez, unha proposta que reúne diferentes series e obras individuais realizadas entre 2005 e 2026. Comisariada por Alberto Carton, a mostra poderá visitarse ata o 10 de xaneiro de 2027, tal e como explicou o director da Área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez.
O artista ourensán regresa así ao espazo provincial onde en 2007 presentou Un minuto de arte (aprox.), unha das súas primeiras exposicións individuais. Nesta ocasión, o percorrido permite achegarse á evolución da súa linguaxe creativa ao longo de máis de vinte anos, a través de disciplinas e materiais diversos.

A exposición reúne escultura en pequeno formato, fotografía, colaxe, pintura e intervencións sobre diferentes soportes. O aproveitamento de materiais atopados, a reutilización de madeiras, marcos e bastidores e a transformación de obxectos cotiáns ou de refugallo constitúen un dos fíos condutores do traballo de Cid. A súa mirada outorga novos significados a elementos aparentemente mínimos e convérteos en punto de partida para a reflexión e a creación.
Dos primeiros traballos ás creacións máis recentes
O percorrido conecta pezas da serie Esculturas de un minuto, de 2005 e 2006, con propostas recentes como Derivas, realizada en 2026 e pertencente á serie Monumentos posibles. Esta última obra está composta por 128 pezas sobre un soporte de madeira intervida e expresa o interese do autor polas posibilidades artísticas dos pequenos elementos.

A selección inclúe tamén traballos de series como Esculturas de andar por casa, Fragmentos de una obra inacabada e Objetos espontáneos, así como a obra Máis alá De catro a catro, de 2024, vinculada ao poeta Manuel Antonio.
A dimensión literaria completa a proposta cunha selección da produción escrita e editorial de Rosendo Cid, que permite coñecer os intereses e as reflexións que acompañan a súa práctica artística.
Con esta exposición, o Centro Cultural Marcos Valcárcel ofrece unha oportunidade para descubrir as conexións entre as distintas facetas do creador ourensán e achegarse a unha obra que atopa na observación do cotián un territorio de experimentación.
