
A Deputación de Ourense, en colaboración con Sogama, pon en marcha a primeira campaña provincial de compostaxe doméstica, unha iniciativa que abrangue a todos os concellos de menos de 20.000 habitantes (todos agás a capital). Ten como obxectivo concienciar aos veciños dos municipios sobre a problemática da elevada xeración de residuos e busca capacitalos para que eles mesmos fabriquen o seu propio compós a escala doméstica. Isto permite que se poida pechar in situ o ciclo de reciclaxe dos restos orgánicos, converténdoos nun abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o chan.
Deste xeito, a Deputacion asume a xestión, coordinación e desenvolvemento da campaña, levando a cabo labores de dirección, supervisión e control de todos os traballos vinculados á campaña, así como a xestión do material que se entrega aos participantes e das accións formativas.
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, materializaron esta posta en marcha coa sinatura dun convenio de colaboración que pretende, a diferena doutros anos, dar servizo a todos os concellos da provincia. Con todo, daráselle prioridade a aqueles que non teñan realizado campañas anteriores.