OurenseÚltima hora

Deputación e Xunta renovan a súa colaboración cun protocolo que avanza na prevención de incendios forestais na provincia

Como novidade, poranse en marcha catro programas piloto para dotar cun total de 16 brigadas de prevención e extinción de incendios por seis meses a outras tantas mancomunidades municipais da provincia

 

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, asinou hoxe no Pazo Provincial un protocolo de colaboración co conselleiro do Medio Rural, José González, par avanzar en materia de prevención de incendios forestais. Este convenio ten un orzamento máximo de 3,8 millóns de euros, que supón case triplicar o importe do acordo anterior, e céntrase na realización de actuacións conxuntas para o mantemento e a conservación das infraestruturas preventivas e da contorna agrofororestal no territorio provincial. Deste investimento, a Deputación aportará un máximo de 1,3 millóns de euros e a Consellería os 2,5 millóns restantes.

Entre as intervencións previstas figuran os traballos de roza de matogueira para xestionar a biomasa, a mellora da xestión do persoal adscrito aos concellos da provincia en materia de defensa contra incendios, a adquisición de ata 12 tractores rozadoiras, así como de maquinaria motoniveladora ou a cesión, por parte da Deputación, de maquinaria da súa titularidade aos concellos para tarefas preventivas.

Ademais, como novidade este ano, poranse en marcha catro programas piloto para dotar cun total de 16 brigadas de prevención e extinción de incendios por seis meses a outras tantas mancomunidades municipais da provincia. Trátase das do Ribeiro, Terras de Celanova, Comarca do Carballiño e Comarca de Verín. A maiores darase formación especializada ao persoal municipal e das mancomunidades a través do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén.

Reforzar a cooperación cos concellos en materia de prevención de incendios

Trala sinatura do convenio, o presidente provincial salientou que hoxe é “un día importante para Ourense porque renovamos este protocolo de colaboración co que contribuímos a resolver problemas estruturais da provincia”. Así mesmo, Luis Menor puxo en valor a importancia das melloras recollidas neste novo convenio co que pretendemos “reforzar e mellorar os labores de prevención no territorio, fortalecendo tamén a cooperación cos concellos dotándoos de medios materiais e formación especializada ao seu persoal”.

Pola súa parte, o conselleiro salientou que este esforzo demostra o compromiso de ambas partes na prevención do lume e o interese por darlles aos concellos -neste caso da provincia ourensá- un papel protagonista neste eido. Na mesma liña, José González agradeceu “a disposición a colaborar que sempre tivo -e que mantén- o organismo provincial ourensán nesta materia”.

Artigos relacionados

Back to top button