SanidadeÚltima hora

Dermatoloxía alerta do risco de cancro de pel derivado

A exposición ao sol é o principal factor de risco destas lesións que aparecen nas áreas máis expostas a el como na cara a cabeza ou o pescozo

 

No Día Europeo do Cancro de Pel –que se conmemora neste venres 13 de xuño- o Servizo de Dermatoloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras alerta da importancia de protexerse da radiación solar, principal factor de risco deste cancro cunha incidencia que representa un terzo do total de enfermidades oncolóxicas, afortunadamente, cunha porcentaxe de curación superior ao 95% e que en Ourense xera ao redor de mil intervencións anuais.

Os tumores máis frecuentes son os carcinomas basocelulares, que supoñen en Ourense o 60% dos cancros de pel e máis de 600 intervencións. Os carcinomas basocelulares aparecen normalmente nas áreas expostas ao sol, especialmente en cabeza e pescozo. Neles, a metástase é rara, non si o crecemento local pode ser moi destrutivo. Poden ulcerarse e alternar períodos de aparente curación o que evita, erroneamente, a consulta co médico.

Os segundos máis habituais son os carcinomas de células escamosas, aproximadamente 2 de 10 dez casos de cancro de pel. Orixínanse na parte externa da epidermis e, ao igual que os basocelulares, aparecen nas áreas do corpo expostas ao sol: na cara, as orellas, os beizos ou no dorso das mans. Xeralmente pódense extirpar por completo, pero son máis propensos a estenderse cara ás capas máis profundas da dermis. En Ourense xeran unhas 200 intervencións anuais. O Melanoma é, afortunadamente, o menos frecuente pero tamén o mais grave. En Ourense diagnosticáronse 62 casos en 2024.

Tras o aumento en xeral dos distintos tipos de cancro de pel podería estar o cambio de hábitos con respecto a exposición ao sol. Factores como os raios UV, o aumento dos viaxes de “sol e praia” todo o ano, ou incluso o deporte ao aire libre e conseguintemente o aumento das horas de exposición xunto cunha deficiente ou nula protección da pel, con medidas físicas como a roupa, sombreiro ou gafas como directas cunha crema protectora cun filtro solar axeitado.

Exposición segura ao sol para previr o cancro de pel

Desde o Servizo de Dermatoloxía insisten na importancia da prevención desde a infancia, promovendo hábitos saudables de exposición ao sol en nenos e nenas, e recomendando non expoñer directamente ao sol os menores de 6 meses. A súa pel é extremadamente delicada e non está preparada para recibir radiación solar.

Este consello es especialmente importante coa chegada do verán, xa que a exposición excesiva e sen protección aos raios ultravioleta (UV) durante a infancia é un dos principais factores de risco de desenvolver estes tipos de cancro no futuro, xa que a pel dos nenos é máis sensible e acumula os efectos do sol ao longo da vida.

Ana Domínguez, a primeira residente de Dermatoloxía do Hospital Universitario de Ourense, na actualidade no seu segundo ano, traslada algúns consellos para unha exposición solar segura, “é moi importante evitar o sol entre as 12:00 e as 16:00, así como limitar as horas, evitando quedar durmido” igualmente recomenda procurar sombra empregar medidas físicas para protexerse do sol como “prendas de roupa, gafas, sombreiro ou parasol na praia”.

A doutora Domínguez lembra a importancia de usar fotoprotector solar, reaplicandoo cada dúas horas e tamén tras o bañemos ou unha sudoración intensa “incluso en días nublados” subliña. Asemade, recomenda ducharse despois do baño na piscina para retirar o cloro da pel e aplicar unha crema hidratante.

As queimaduras solares na infancia: un risco real e frecuente

Estudos recentes indican que máis do 50 % dos nenos e nenas sufriron polo menos unha queimadura solar antes dos 10 anos, moitas veces durante vacacións, excursións ou actividades ao aire libre sen a protección axeitada.

A evidencia científica demostra que unha soa queimadura solar intensa na infancia pode duplicar o risco de desenvolver melanoma —o tipo de cancro de pel máis agresivo— na vida adulta. A pel dos menores é máis fina, sensible e vulnerable á radiación ultravioleta, polo que as exposicións solares inadecuadas deixan unha “pegada acumulativa” que se vai sumando co paso dos anos.

En xeral os cancros de pel son fáciles de previr e tamén relativamente sinxelos de diagnosticar precozmente, tendo conta o amplo desenvolvemento da dermatoscopia en Atención Primaria e a boa coordinación co Servizo de Dermatoloxía, grazas a Teledermatoloxía, a e-interconsulta e a existencia da vía rápida de melanoma.

Back to top button