ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

Desactivada a situación de Nivel 2 no incendio de Soutordei (Ribas de Sil), que segue activo e leva 90 has queimadas

 

Permanece activo, desde as 18.22 horas de onte sábado, o incendio do concello lucense de Ribas de Sil, parroquia de Soutordei, que segundo as últimas estimacións feitas públicas pola Consellería do Medio Rural, afecta unha superficie de 90 hectáreas. Neste lume foi desactivada esta madrugada a Situación 2, que fora decretada, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Chenzas.

 

“De acordo cos plans galegos de Protección e de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (PEIFOGA E PLADIGA), A Xunta de Galicia desactiva a Situación 2 no lugar de Vilar do Mato, en Ribas de Sil por melloría das condicións e deixar de estar en perigo o núcleo de Chenzas”, segundo informa o 112 Galicia.

Non obstante, os axentes forestais seguen a traballar na zona ata a completa extinción do lume.

Para a extinción deste incendio mobilizáronse, polo de agora, 1 técnico, 15 axentes, 20 brigadas, 15 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 4 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia.

Back to top button