OurenseÚltima hora

Desactívase o nivel 2 de emerxencia polos incendios na provincia de Ourense

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informaba onte 26 de agosto da desactivación do nivel 2 de emerxencia na provincia de Ourense tras os incendios das últimas semanas. Subliñou que este paso foi posible grazas ao traballo conxunto e á entrega de profesionais que actuaron en primeira liña “para protexer vidas, vivendas e o monte galego”. Facía estas declaracións na visita que esta mañá realizaba ao Centro de Coordinación Operativa Integrado (CECOPI).

O titular do Executivo galego agradeceu e destacou o labor desenvolto polos técnicos e bombeiros forestais, axentes medioambientais, persoal da UME e outras unidades do exército, profesionais e voluntarios de Protección Civil ou os axentes da Garda Civil, entre outros colectivos, que permitiron avanzar de forma decisiva na estabilización da situación. “Sen baixar a garda, pero as cousas melloraron grazas ao traballo de milleiros de profesionais” afirmou Rueda, quen asegurou que Galicia “conta co mellor dispositivo de extinción de incendios de España”.

O presidente indicou que, en paralelo ao traballo de extinción e control dos lumes activos, se inicia agora unha fase de desescalada progresiva, con vixilancia permanente e dispositivos de prevención.

O presidente avanzou que o Goberno galego aprobará este mesmo venres, nun Consello da Xunta extraordinario en Ourense, as axudas dirixidas ás persoas e concellos afectados polas consecuencias dos incendios. Estas medidas, “que serán publicadas de xeito inmediato para que os afectados poidan solicitalas e recibilas canto antes”, sinalaba, estarán orientadas á recuperación de vivendas e explotacións, así como ao apoio aos municipios que teñen por diante unha complexa tarefa de reconstrución.

 

Back to top button