
Finalmente neste 2025 non se celebrará “Festa de fin de ano” nunha carpa pechada no Campo da Festa do Barco. Así o vén de confirmar o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, quen informaba de que o anuncio de licitación para autorizar a celebración quedaba deserto. “Había sete propostas inicialmente, despois quedouse nunha soa e ao final ninguén quixo organizala”, indicaba Alonso.
Os interesados en organizar este evento debían achegar a documentación técnica prevista no expediente do Concelo, entre outra: proxecto técnico da actividade con definición do recinto e medidas de seguridade, salubridade e emerxencias, Plan de Emerxencias, seguro de Responsabilidade Civil, certificado técnico de final de instalación, boletín da instalación eléctrica e certificación da SGAE do visado das entradas para poñer á venda no caso de que este sexa necesario.
“Nun recinto pechado, como é o caso dunha carpa, son as condicións e as normas de seguridade que marca a lei agora mesmo. Cando alguén se lanza a organizar cousas deste tipo ten que cumprir con toda a normativa existente, cun montón de requisitos (un plan de seguridade, un control de aforo, un seguro de responsabilidade civil moi completo…), nós establecemos as condicións que nos marcaron os técnicos para organizar a festa dunha forma legal e a xente ten que entendelo”, sinalaba Alonso.
Tamén matizaba que se se tratase dunha carpa aberta, “simplemente para que se acolla a xente en caso de mal tempo, pois xa está, pero no momento no que se pecha a carpa xa falamos dun recinto pechado e iso implica que metes a 600 ou a mil persoas para iso hai cumprir cunhas normas moi moi estritas porque ademais os propios organizadores teñen que ser conscientes das consecuencias que pode ter esa actividade se pasa algo”.
Dende o Concello descártase que finalmente se organice unha festa de fin de ano nunha carpa dado que se pechou o prazo da licitación. “Nós entendemos que xa non se vai facer porque o prazo de presentación das propostas xa rematou”, finalizaba o alcalde do Barco.