OurenseÚltima hora

Detectados 2 novos focos de gripe aviar en Galicia, 1 deles na provincia de Ourense

O foco ourensán, en Baltar, corresponde a un exemplar de pomba doméstica que foi trasladado ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Rodicio

 

A Consellería do Medio Rural informa de que vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, “a detección de dous exemplares de aves silvestres afectados por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), e que constitúen dous focos diferenciados, localizados respectivamente nos concellos de Baltar (Ourense) e de Pontevedra”.

Trátase dunha pomba doméstica (Columba livia doméstica) atopada no concello de Baltar, que foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático do Rodicio; e unha gaivota patiamarela (Larus michahellis) atopada en Pontevedra, que se levou ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo-Cotobade, dependente da mesma Consellería.

As aves foron mostrexadas para proceder á análise laboratorial, resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid), eliminándose os cadáveres conforme á normativa en vigor. Con estes novos focos, son catro os notificados na nosa comunidade no ano 2026. Cómpre lembrar que, polo de agora, non se rexistrou ningún caso en aves de curral en Galicia, polo que desde a Consellería do Medio Rural lánzase unha mensaxe de tranquilidade e de precaución.

Con respecto á situación en España, no actual período de vixilancia anual (desde o primeiro de xullo de cada ano), o número de focos en aves silvestres notificados por España ascende a 154 (dos que seis correspóndense aos notificados desde o 1 de xaneiro de 2026), un número inusualmente elevado comparado cos datos de anos anteriores. A situación en Europa tamén reflicte un rexistro considerable no número de focos nos últimos meses.

Medidas preventivas en toda España

Esta situación epidemiolóxica é a principal razón, xunto coa migración estacional das aves silvestres e o descenso das temperaturas nesta época do ano, que motivou a adopción das medidas preventivas por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación aplicables en todo o territorio español desde o pasado 13 de novembro, co obxectivo de evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas coas aves silvestres de calquera especie. Estas medidas permanecen actualmente vixentes.

Dada a relevancia do sector avícola en Galicia, e tendo en conta as actuais circunstancias, desde a Consellería do Medio Rural vólvese insistir na necesidade de extremar as medidas de bioseguridade das explotacións avícolas, tanto das industriais como das familiares, especialmente as destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia das aves domésticas e silvestres, comunicando de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais calquera sospeita da enfermidade. No caso das aves silvestres esta comunicación pódese realizar a través do teléfono de atención á cidadanía 012.

Cómpre lembrar que o serotipo vírico detectado (H5N1) ten demostrado un limitado carácter zoonótico (contaxio a humanos), aínda que por un principio básico de bioseguridade, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e comunicar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Back to top button