
A Policía Local de Ourense detivo a catro persoas pola súa “presunta implicación nun roubo con forza nunhas instalacións industriais da zona de Outariz, nunha actuación desenvolvida durante a noite do 16 ao 17 de outubro que contou coa colaboración da Policía Nacional”.
O operativo iniciouse tras recibirse unha chamada no 092 que alertaba da presenza de varias persoas encapuchadas, algunhas das cales accedera ao recinto saltando o peche perimetral. “As primeiras patrullas da Policía Local acudiron con rapidez e, tras detectar movementos no interior, solicitaron reforzos”, indican dende o Concello, asegurando que a intervención “permitiu deter unha persoa dentro das instalacións e localizar outra nunha furgoneta estacionada nas proximidades. Outros dous sospeitosos fuxiron cara a unha zona de monte de difícil acceso. Os axentes estableceron un dispositivo de busca e vixilancia da contorna, coa participación da Policía Nacional”.

Horas despois, unha patrulla da Policía Local “localizou na avenida de Santiago dúas persoas cuxas características e vestimenta coincidían coas observadas durante a intervención. Tras as comprobacións realizadas e a localización de indicios que as vinculaban cos feitos, ambas as dúas foron detidas”, aseguran, engadindo que na inspección do recinto “comprobouse que unha máquina expendedora fora forzada e que outras dependencias e un vehículo presentaban signos de rexistro. Durante o operativo interviñéronse ferramentas, diversos efectos e unha furgoneta, que foi trasladada ao depósito municipal a disposición da autoridade xudicial”.
As catro persoas detidas foron trasladadas a dependencias da Policía Nacional para a continuación das dilixencias, segundo indican fontes do Concello que poñen en valor “a profesionalidade, a capacidade de resposta e a perseveranza da Policía Local nesta actuación”, e recoñecen “a colaboración prestada pola Policía Nacional”. Así mesmo, destacan “a importancia da colaboración cidadá e dos avisos ao 092 para facilitar unha intervención rápida ante posibles feitos delictivos”.