ConcellosÚltima horaVerín

Detido un home como presunto autor dos delitos de tráfico de drogas, furto de uso de vehículo, condución temeraria e positivo en drogas, en Verín

 

A Garda Civil do Destacamento de Tráfico de Verín vén de deter a un home portugués de 52 anos de idade, como “presunto autor dos delitos de tráfico de drogas, furto de uso de vehículo, condución temeraria e positivo en drogas”.

Tal como informan, o detido deuse á fuga tras saltarse un control da Garda Civil de Tráfico á entrada da localidade de Verín, iniciando unha fuxida polo centro urbano da localidade, onde foi interceptado polos axentes. “Tras realizarlle as probas de alcol e droga, deu positivo en substancias estupefacientes”. A Garda Civil realizaba un rexistro no seu vehículo intervendo oculto entre as súas pertenzas:”18 gramos de cocaína, 9 gramos de heroína e 3.285 euros en efectivo”. Ademais, “o vehículo figuraba subtraído en Portugal”, aseguran dende Tráfico.

 

 

Detido en Carballeda de Avia

Ademais, o día 7 de outubro a Garda Civil do Subsector de Tráfico de Verín detiña a un veciño de Carballeda de Avia, de 32 anos de idade, como presunto autor de varios delitos contra a seguridade viaria. “O detido era o presunto autor en máis de 25 delitos, a maioría contra a seguridade viaria por conducións temerarias e/ou conducións sen posuír o permiso de condución por esgotamento de todos os puntos asignados. Ademais constábanlle 2 requisitorias xudiciais de procura, detención e comparecencia nos xulgados de Ribadavia e unha terceira de procura, detención e ingreso en prisión, dimanante da Sección do Penal do Tribunal de Instancia de Pontevedra”, explican dende a Garda Civil.

Axentes do Grupo de Investigación e Apoio ao Tráfico (GIAT) e da Unidade de Investigación de Sinistros (UNIS) do subsector de tráfico da Garda Civil de Ourense,” estableceron un dispositivo, xa que o presunto detido levaba 2 anos eludindo e dándose á fuga dos diferentes controis policiais aos que se lle pretendía someter”. Así, durante a tarde do día 7 de outubro “observaron ao detido conducindo un turismo no termo municipal de Carballeda de Avia e seguírono ata a localidade pontevedresa da Cañiza interceptando o vehículo, momento no que o condutor iniciou unha fuxida a pé”. Minutos máis tarde e tras un breve forcexo e resistencia, o condutor foi detido.

No rexistro do vehículo “acháronse 5 envoltorios cunha substancia esbrancuxada en po, presuntamente cocaína e un anaco de haxix, así como 500€ en diferentes tipos de billetes”.

Fotos cedidas.

Back to top button