
O presidente da Comisión de Docencia, Jesús García Mata, e os coordinadores docentes das distintas áreas clínicas do Hospital Universitario de Ourense e de Atención Primaria deron hoxe a benvida aos dezaoito alumnos e alumnas de sexto Medicina, da Universidade de Santiago de Compostela, que elixiron os centros docentes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras para realizar o “rotatorio”, últimas prácticas clínicas previas a súa graduación como médicos.
Os estudantes acadarán con esta formación os créditos precisos para a obtención do seu título de grao, tras superar os exames correspondentes da USC. En anteriores cursos tamén realizan prácticas clínicas, en diferentes materias, achegándose á atención hospitalaria e dos centros de saúde, para adquirir competencias xerais. Afondando en sexto en competencias máis específicas en cada ámbito, así como afianzando os coñecementos máis globais.
Como curiosidade cómpre subliñar que na liña de consolidación da maioría feminina da profesión, o 70 % dos estudantes que inician hoxe a súa rotación en Ourense son mulleres. Atendendo a súa procedencia a metade son de Ourense, e o resto de diferentes provincias, entras as que a mais representada é Málaga, con tres estudantes, sendo o resto de Jaén, León, A Coruña, Pontevedra e Lugo, ademais dun alumno extracomunitario que provén de Honduras.
29 semanas de “inmersión”
Durante estas prácticas, denominadas coloquialmente MIR-0, os estudantes de Ourense “rotarán” polos servizos básicos, tanto hospitalarios como de atención primaria, ao longo de 29 semanas, sempre acompañados dun titor, que os guiará e os avaliará de xeito continuado, realizando ademais, ao remate da rotación en cada servizo, un exame de casos clínicos.
O obxectivo é conseguir o nivel de competencia preciso para o exercicio da medicina, de dominio dos coñecementos e habilidades manuais; recoñecemento de problemas; selección das probas complementarias a cada proceso; xuízo clínico e prescrición de tratamento racional, ademais doutras habilidades, non menos importantes, como recoñecer aspectos psicolóxicos ou sociais que afectan ao enfermo -aplicando principios éticos como o respecto polo paciente- e a adecuada comunicación e relación co paciente e os seus familiares.
Inmersión nas especialidades médicas
Ás portas do exame MIR, para os estudantes este período supón tamén unha oportunidade para afondar nas distintas especialidades, e seu día a día na práctica, servindo esta “inmersión” moitas veces para decidir que especialidade ou especialidades lle gustan máis.
O itinerario de prácticas esta regrado por especialidades e tempo de permanencia. O máis extenso correspóndese coa Clínica Médica, 10 semanas consecutivas (18 créditos). Con 5 semanas e 9 créditos, as prácticas de Clínica Cirúrxica danlle paso polos servizos de cirurxía e traumatoloxía, mentres que o resto do período repártese con 3 semanas (6 créditos) en cada área clínica: Obstétrica e Xinecolóxica; Pediátrica; Psiquiátrica, e de Medicina Familiar e Comunitaria; ademais de 2 semanas (3 c.) en Urxencias e Servizos Centrais ou Diagnósticos.
Na área médica, os estudantes poden rotar por Cardioloxía, Oncoloxía, Neuroloxía, Pneumoloxía, Dixestivo, Nefroloxía, Reumatoloxía, Endocrinoloxía, Medicina Interna ou Medicina Intensiva, con estanza en ao menos tres destes servizos, por un mínimo de tres semanas. Igualmente, a rotación de Urxencias inclúe a realización de prácticas tanto nos servizos de urxencias hospitalarios como nos Puntos de Atención Continuada de Atención Primaria.
A rotación en Medicina de Familia e Comunitaria faise en Ourense nos centros de saúde acreditados para docencia, coa vantaxe que oferta a nosa Área Sanitaria ao dispoñer de centros docentes no medio rural, como o de Leiro, o que permite aos estudantes coñecer de primeira man o núcleo mesmo da atención primaria, así como os atractivos dunha práctica clínica de proximidade, resolutiva e ligada á comunidade. Un valor crecente, que as sociedades médicas, demandan para da visibilidade a esencia e os valores desta especialide e promover, mediante o coñecemento, a súa elección por parte dos futuros MIR.
Os coordinadores da Área Sanitaria de Ourense nas distintas áreas clínicas do curso 2025-26 son Eva Fernández, Clínica Médica; Pedro Trillo da Cirúrxica; Marta Vázquez de Obstetricia e Xinecoloxía; Santiago Fernández Cebrián de Pediatría; David Simón de Psiquiatría; Mª José Fernández de Medicina de Familia e Comunitaria; e Pablo Pérez Antolín de Urxencias.