Petín celebra nesta fin de semana as súas festas patronais na honra de Santiago Apóstolo e Santa Ana. Unha celebración que comezaba na noite do venres 24 e estenderase ata o domingo 26 de xullo cun variado programa de actos entre os que non faltan a música, os cultos relixiosos e o deporte cunha nova edición do torneo de tenis e outro de pádel.

A praza Doutor Quiroga é un ano máis o centro neurálxico das festas onde actuaba o grupo Alkar que actuaba en sesión de tarde e verbena a pesar do apagón. E despois dunha noite chea de ritmo chegaba o día grande e festivo nacional, xornada na que toda Galicia rende culto a Santiago.

Así a mañá deste sábado 25 de xullo comezaba co pasarrúas a cargo da Charanga CLK e xa ás 13 horas os veciños de Petín levaban a imaxe de Santiago Apóstolo polas rúas da vila, nunha solemne procesión na que soaba novamente a música da charanga. De volta ao templo tiña lugar a eucaristía presidida polo párroco de Petín, Daniel Pérz, e cantada polo coro parroquial. Tralos cultos seguía a sesión vermú na praza. Pola tarde a festa continuará con dous pases da orquestra Solara.

E mañá, domingo 26 de xullo, día de Santa Ana, será tamén unha xornada especial. A Charanga Caliqueños será a encargada de animar as rúas durante o día, coa procesión de no ás 13 horas e sesión vermú. Xa pola tarde, chegará a quenda da orquestra La Oca Band que tamén fará dous pases poñendo o broche de ouro ás festas.

Fotos: Carlos G. Hervella.