OurenseÚltima hora

Días de fantasía e ilusión

O Concello de Ourense presenta un Nadal cheo de actividades lúdicas, culturais e deportivas, que comezará de forma oficial co acto a carón do Belén de Arturo Baltar o 20 de decembro ás 18:30h
Praza Maior de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella
Praza Maior de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella

Preto de 230 arcos de cor con tecnoloxía LED instalados nas entradas á cidade, rotondas, praza Maior e zonas de referencia como o Casco Vello, as Burgas, a Alameda do Concello ou o Parque de San Lázaro, anuncian a chegada do Nadal á cidade de Ourense. Un período de lecer, de cultura e de tradición.
Precisamente por ser unha época de tradicións, é sempre o acto diante do Belén de Arturo Baltar, previsto para o venres 20 de decembro ás 18:30h, o que marca, o comezo da programación cultural elaborada dende o Concello.

O espazo expositivo, xoia da representación da etnografía galega, amplía o seu horario en Nadal e, ademais das mañás de 12 a 14h. abrirá tamén polas tardes entre as 18 e as 20h. Diante del os nenos da Escola Municipal de Música cantarán as tradicionais panxoliñas coas que se inaugura de forma oficial o Nadal 2013. A partires de ahí sucederanse as propostas de música, teatro e deporte.

Ese mesmo día 20 de decembro, a Banda Municipal de Ourense dará un concerto no Parque de San Lázaro ás 19:30h. con posterior percorrido itinerante ata a praza Maior. Nouto punto da cidade, o Auditorio, terá lugar a actuación musical “A Fronda dos Cervos”.

O concerto de Nadal, previsto para o día 21, correrá este ano a cargo da “Capela Duriense, Ensemble Vocal”, ás 20:30h. na igrexa de Sta. Eufemia. Á mesma hora no Auditorio, celebrarase a Gala benéfica contra o cancro, organizada pola asociación cultural xuvenil As Canellas de Seixalbo e Claqueta Coqueta.
O domingo 22, serán dous personaxes navideños os que fagan acto de presenza en Ourense. A “historia do Apalpador” chegará ao Auditorio ás 12h. da man de Títeres Cachirulo, e o Pai Nöel estará nos soportais do Concello, na praza Maior ás 18h. onde recollerá as cartas coas peticións dos nenos. Este personaxe chegado dende as terras finlandesas de Laponia vestido de vermello, tamén estará na praza o día 23 no mesmo horario.

E xa o mércores 25 de decembro comezará unha nova edición da Mostra de Teatro Infantil (MOTI) que se estenderá ata o luns 30. Entre medias, un total de trece representacións no Teatro Principal, no Auditorio, nas dependencias do Campus Universitario e incluso na rúa. Esta 10ª MOTI abrirase o día de Nadal ás 19:30h. na rúa do Paseo co desfile inaugural e actuación de Trécola Teatro “MOTI á vista”, e baixará o pano o día 30 coas obras “Xango” de Talía Teatro ás 17h. no Teatro Principal e “Ulo swing” de A Run Run, ás 19:30h. no Auditorio.

Seguindo coa programación feita pública polo Concello de Ourense, o xoves 26 de decembro haberá dúas actuacións coa música coral como protagonista: o concerto de panxoliñas de Auria Canta na praza Maior ás 20h, e a XIX edición do Certame de Villancicos e Panxoliñas á mesma hora, na sala azul do Auditorio. Dúas citas que se repetirán ao longo da semana. Auria Canta actuará de novo o sábado 28 na praza San Cosme e San Damián. O certame de panxoliñas pola súa banda, continuará o venres 27 e o sábado 28.

E mentres no Auditorio se desenvolve o concurso de cánticos navideños, noutro punto do pobo, a Coral de Ruada dará o seu concerto de Nadal. Será na Catedral de Ourense o venres día 27 ás 20:30h.

Para despedir o ano, o martes 31 de decembro, quen así o desexe poderá facelo na praza Maior onde se celebrará unha gran festa de Fin de Ano e Aninovo. Será a partires das 00:30h. despois das uvas.

E se en decembro eran o Apalpador e o Pai Nöel os personaxes tradicionais que se deixaban ver pola cidade, no novo ao 2014, serán os Reis Magos os protagonistas. Eles serán os que envíen ás súas carteiras reais para repartir as cartas, recollelas e levalas ás caixas de correos reais. Estarán nas rúas Santo Domingo e Paseo o xoves día 2, o domingo día 3 e o sábado día 4 ás 18:30h. É o momento de limpar botas, zapatos e zapatillas, e telo todo listo para a vistia dos Reis.
Coa chegada do Aninovo, chegan tamén os Bolechas para “Cantar con Lady Vina” o día 3 ás 18:30h. no Auditoiro municipal de Ourense. Ese mesmo día na igrexa de Santiago de Caldas, a Coral de Ruada dará o seu concerto de Nadal a partires das 19:45h.

E así chegamos ao momento máis destacado e máxico do Nadal na capital ourensá, a visita das “Súas Maxestades os Reis Magos Melchor, Gaspar e Baltasar nas súas carrozas provintes de Oriente”, o domingo 5 de xaneiro de 2014. Acompañados por seres máxicos, animais fantásticos, música e todo un séquito cargado de sorpresas, a Cabalgata real comezará o percorrido ás 17:30h. dende a Estación de Empalme ata a praza Maior onde serán recibidos pola corporación municipal e presentarán os seus respectos e presentes ao neno Xesús no Belén Vivinte instalado nos soportais do Concello.

Texto: Mónica G.Bellver Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Especial Ourense de O Sil).

Xa está á venda o Especial Nadal Ourense do periódico O Sil. 16 páxinas a cor coa programación navideña en Ourense, Barbadás e O Carballiño. Actividades culturais, deportivas e lúdicas para que nenos e maiores disfruten das festas, e tamén propostas solidarias e de fomento do comercio.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button