Un deporte divertido, para todas as idades e habilidades. Así é a orientación e dende o Club Our-O seguen empeñados e dalo a coñecer.
Con ese obxectivo, para a tardiña do venres 2 de xaneiro organizaban un labirinto no pavillón municipal de Calabagueiros, no Barco de Valdeorras, no que desafiaban aos participantes (maioritariamente cativos pero tamén había algún adulto cos seus fillos), a “ler un mapa e atopar todos os puntos correctamente no menor tempo posible como se da busca do tesouro se tratara”.
Cunha animada música ambiente, unha parte da actividade celebrábase coas luces encendidas e outra ás escuras, iluminados unicamente por lanternas. Tal como indican dende o club de orientación valdeorrés, o gañador foi Brais Rodríguez, membro do club; e a segunda clasificada Ainhoa Domínguez, do CEIP Julio Gurriarán a quen se lle regalaron unha camiseta.
Fotos e vídeos cedidos.