Toda manifestación humana nace destinada a lugar específico, é dicir, nace adaptada ou con intención de adaptarse a un espazo. Tanto dá se falamos de obras de arte, de construcións ou de tradicións. No fondo, localización e finalidade están intimamente ligadas.
Unha mostra disto é o cadro “O príncipe Baltasar Carlos, a cabalo”, de Diego Velázquez (1635), exposto no Museo do Prado. En principio, podería parecer un retrato ecuestre normaliño de todo, mais, ben mirado, hai algo estraño na figura do cabalo. Aparece deformado: entre encollido, inchado e gordo.
Obviamente, a suposta anomalía non se debe á falta de habilidade de Velázquez, senón a que esta pintura está feita pra ser vista dende abaixo e a unha certa altura. En concreto, a súa localización orixinal era enriba dunha das altas portas do Salón de Reinos, no palacio do Buen Retiro, entre dous retratos a cabalo dos seus pais, os reis de España: Felipe IV e Isabel de Borbón (ámbolos dous aproxidamente de 1635 e tamén da autoría de Velázquez), de tal xeito os tres cadros conformasen unha especie de tríptico.
De colgar a pintura do infante no lugar lle correspondía, o espectador tería a sensación de que o cabalo parece saltar fóra do cadro. Polo tanto, a aparente falta de talento de Velázquez é, en realidade, unha minuciosa adaptación ó espazo pra crear un determinado efecto. Desgraciadamente, vendo o cadro na súa localización actual e sen explicación ningunha, poucos percibirán o seu sentido e a súa xenialidade. Velaí a importancia de ve-las cousas no seu espazo orixinal pra facerse unha idea cabal do que foron no pasado e de como se nos presentan hoxe.
E pensándoo ben: ¿non hai certa conexión entre as disputas do Entrudio vianés e o que fixo o célebre pintor sevillano? ¿Acaso non están pensadas e adaptadas ámbalas dúas manifestacións pra ser vistas nunhas condicións determinadas?
Unha das claves da recuperación das comparsas foi acudir onde a tradición estaba arraigada (onde houbo lume sempre quedan brasas). Cando unha aldea enteira se congrega pra ver unha disputa, non hai dúbida de que, alén de recordos e sentimentos asociados, os veciños a valoran porque a recoñecen como algo propio. De aí que o compromiso e o respecto do público sempre sexa total: hai silencio, boa acollida, ilusión. E ese é o verdadeiro éxito: representar a disputa nos seus lugares e prá súa xente porque, en esencia, a comparsa é unha manifestación de Entrudio e de aldea.
Hai anos entendíase que o éxito consistía en concentrar todo en Viana e facelo multitudinario (e aínda hoxe non faltan comentarios acerca da posibilidade de representar unha disputa na vila). Mais leva-la comparsa a un lugar que non lle é propio ten riscos; aínda hoxe en Viana non se valora a comparsa como nas aldeas onde si había tradición. E, no fondo, a comparsa é un pretexto pra darlles vida ás aldeas.
Por outra banda, as disputas están concibidas pra representarse un sitio específico: as airas ou prados dalgunhas aldeas do concello de Viana do Bolo. Así mesmo, convén reparar en dúas cuestións pra non comprometer parte da súa autenticidade e do seu compoñente ritual.
Primeira cuestión: o espazo das aldeas condiciona completamente a dinámica da comparsa e da disputa. De entrada, a luz e a paisaxe agraria, o ambiente sonoro (a ausencia de ruído do tráfico) ou o trato case familiar cos veciños é imprescindible pró ritual da comparsa. Despois, a ronda previa á representación teatral está pensada pra percorrer boa parte da aldea (normalmente dende unha das súas entradas ata a aira) porque as dimensións da localidade así o permiten. E, por último, a disputa ha de se facer nun espazo natural (unha aira, un prado, un souto…) con certa amplitude pra que caiban os membros da comparsa e o público.

Segunda cuestión: os perigos de certos recursos que parecen axudar a oír ou ver mellor, pero que, en realidade, limitan. Por exemplo, o uso de micrófonos comprometería moitísimo a actuación dos personaxes que máis se moven ou que se tiran ó chan e, por conseguinte, quitaríalles espontaneidade e liberdade de movemento. Non obstante, ó ser o espazo escénico un círculo, se se disputa alto, lento e claro, proxectando a voz, óese relativamente ben. Alén diso, as máscaras dan unha sonoridade especial que distorce a voz e dificulta recoñecer os actores (o anonimato é parte do xogo da comparsa). No caso dos esquileiros, incluso se poden solta-las correas da pantalla e separa-la careta da boca cando van disputar pra que se lles escoite mellor (como xa facían algúns nos anos 90).
Ademais, han de se evitar os palcos. O Entrudio tradicional é a festa menos indicada pra orquestras e espectáculos dese tipo porque crean distancia e xerarquía: os de arriba do escenario (que actúan) e os de abaixo (que miran). Precisamente o Entrudio intenta borrar esa diferenza e que todo o mundo participe. O que buscan os brindes e a disputa é estar en contacto e interactuar coa xente, por iso ningunha disputa debería representarse enriba dun escenario, que separa os actores do público.
En conclusión, as comparsas e disputas das aldeas de Viana do Bolo levan a cabo un ritual que pra poder desenvolverse como é debido (estética e eticamente) precisa dos espazos e das dinámicas que lles son propios. É certo que as cousas mudan ou que, ás veces, é necesario adaptalas; ora ben, non hai nada mellor que conserva-las cousas no lugar pró que foron pensadas. É ser consecuentes co seu propósito, coa súa historia e tamén con parte do seu encanto. Cada cousa debe quedar no seu sitio. E o das disputas do Entrudio no concello de Viana do Bolo está nas airas das súas aldeas.
Texto: Pedro Basalo Bembibre.
