Na mañá deste venres 12 de decembro o alumnado do IES de Quiroga participaba nunha actividade organizada polo Concello de Quiroga e a área de Cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo. “Do TRADI ó TRAP… Baila, morena!” era unha charla coloquio da cantareira Blanca Villares, na que se interpretaba música en vivo, proxectábanse materiais audiovisuais e narrábase unha experiencia sobre a que falaban os rapaces e rapazas participantes.
Os alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO foron os que ocuparon o salón de actos do centro educativo para participar nesta actividade, á que tamén acudían a Concelleira de Igualdade, Educación e Infancia, Maite Pérez Grao; e o Concelleiro de Servizos Sociais, Participación Cidadán e Dinamización Lingüística, Xosé Manuel Fernández Montes.
A actividade estaba basada no traballo realizado por Blanca Villares, mestra de música tradicional, sobre a revisión do noso cancioneiro popular. Coa finalidade de avanzar na igualdade e na loita contra as violencias, surxe a cuestión de si coa música normalizamos as violencias. Entender a historia das desigualdades que sufriron as mulleres que nos precederon a través dos cantos que delas aprendimos é unha lección de vida.
O obxectivo desta proposta musical de formación é a sensibilización do alumnado en materia de igualdade e erradicación da violencia contra as mulleres. No obradoiro tratáronse as violencias sexuais a través das músicas nos tempos de antes e de agora, e o seu papel nas colectividades que as compoñen…e escoitan; e a través delas e da publicidade ou redes socais abordouse o consentimento, o acoso e o abuso sexual.