EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Dobre cita enogastronómica da D.O. Valdeorras na cidade condal: a Barcelona Wine Week e o Hotel Wine Fest

Unha caseta de 14 metros cadrados promocionará un total de 26 referencias de viño amparado

 

Un total de 26 viños das adegas amparadas pola Denominación de Orixe Valdeorras, viaxará á capital catalá para participar, do 2 ao 4 de febreiro, na Barcelona Wine Week 2026. Deles, 18 referencias son de viño branco e as restantes 8, de viño tinto.

O Consello Regulador participará este ano cunha caseta de 14 metros cadrados, co que aposta pola promoción dos viños de Valdeorras baixo o lema “O valor do pequeno”. Entre as actividades da feira, participarán no cócktail oficial da Barcelona Wine Week.

Como antesala da Barcelona Wine Week, a D.O. Valdeorras participará na terceira edición de Hotel Wine Fest, o festival que fusiona patrimonio vitivinícola e hospitalidade cinco estrelas.

O evento, que se celebra do 21 de xaneiro ao 4 de febreiro de 2026, propón un percorrido enogastronómico que convida a descubrir a diversidade vitivinícola nacional a través de experiencias creadas por algúns dos hoteis de cinco estrelas máis emblemáticos da cidade.

Nesta edición participarán dez Denominacións de Orixe, reunidas en seis hoteis de Barcelona, que actuarán como embaixadas enolóxicas temporais durante as dúas semanas do festival.

Cada establecemento ofrecerá unha tapa ou prato inspirado na cociña dos territorios anfitrións, así como un menú degustación de seis pratos, ambos os deseñados para harmonizar cos viños das Denominacións de Orixe anfitrioas.

Os asistentes poderán gozar libremente do roteiro de tapas e pratos, que non require reserva previa, ou ben optar polos menús degustación, que si requiren reserva anticipada a través de https://hotelwinefest.com

Nesta nova edición, Hotel Wine Fest reafirma o seu compromiso coa divulgación do viño nacional, destacando xoias pouco coñecidas e achegándoas ao público de forma directa, accesible e experiencial.

 

 

D.O. Valdeorras: rexión convidada 2026

A D.O. Valdeorras, berce do godello e os tintos de mencía, será a rexión convidada de 2026 e estará presente en Almanac Barcelona. A súa participación adquire un significado especial tras os incendios que afectaron recentemente á comarca, unha das máis castigadas de Galicia.

Este será o segundo ano consecutivo en que o festival incorpore unha rexión convidada —en 2025 foi a Comunidade Valenciana, con Utiel-Requena, un dos territorios máis afectados pola DINA—, consolidando así unha tradición anual que pon o foco en territorios afectados por situacións excepcionais e contribúe a fortalecer a súa proxección.

Un formato consolidado na axenda gastronómica de Barcelona

Hotel Wine Fest consolidouse como unha das citas enogastronómicas destacadas do inverno en Barcelona. O festival forma parte do programa oficial BWW Likes the City, impulsado por Barcelona Wine Week, que conecta a feira coa cidade mediante experiencias nas que o viño é protagonista.

Back to top button