PolíticaÚltima horaVídeos

Domingo Díaz: “O futuro de Petín non o pode deseñar unha soa persoa nin un só grupo, temos que construílo entre todos”

O petinés vén de presentar a súa candidatura á alcaldía de Petín polo PSdeG-PSOE co lema "Un paso adiante"

 

“Recoñecer e agradecer o que xa está feito; escoitar ao pobo; e afrontar ese paso adiante con paixón e ambición”. Son os tres piares que conforman “Un paso adiante”, o lema co que Domingo Díaz Docampo se presenta como candidato do PsdeG-PSOE á alcaldía de Petín para as eleccións municipais de 2027.

Nado en Petín en 1967, Domingo é produtor e director audiovisual e está á fronte de SocialDocs, desde onde desenvolveu proxectos vinculados á educación, a memoria, a cultura e a transformación social. A súa actividade profesional, levouno a participar en proxectos dependentes da Unión Europea e permitiulle coñecer outras realidades e diferentes formas de abordar proxectos, unha experiencia que agora quere poñer ao servizo do municipio.

 

 

A presentación oficial tiña lugar na mañá deste venres 9 de outubro na biblioteca da Casa da Cultura de Petín, acompañado pola actual alcaldesa, Raquel Bautista, e o seu grupo de goberno, así como simpatizantes e amigos, sendo ela quen presentaba a Domingo, asegurando que no partido están “encantados de que aceptara sera o candidato porque é unha persoa moi válida que o fará moi ben”, dando por feito que “vai gañar” e agradecendo aos seus compañeiros tela acompañado durante estas dúas lexislaturas, asegurando estar contenta de deixar o posto, en mans do novo candidato socialista que presentará un proxecto construído arredor dunha idea fundamental “Petín ten unha base sobre a que avanzar e un enorme potencial que aínda pode ser aproveitado”.

O patrimonio, a paisaxe, a actividade agraria e vitivinícola, a cultura, o turismo e, sobre todo, as persoas e o seu talento, constitúen para Díaz Docampo os principais activos sobre os que construír o futuro do municipio. “Petín coñézoo desde dentro. Pero tamén tiven a oportunidade de coñecer outros lugares, outras experiencias e outras formas de facer. Creo que esa mirada pode axudarnos a identificar oportunidades que ás veces non vemos desde dentro”, afirma, asegurando que a súa é unha candidatura que quere continuar avanzando a partir do traballo realizado nos últimos anos e, ao mesmo tempo, abrir unha nova etapa con novas ideas, novo equipo, novos retos e novas oportunidades para o municipio.

 

 

Baixo o lem “Un paso adiante”, a candidatura  de Domingo Díaz traballará a partir de diferentes prioridades, entre elas fixar poboación, ampliar e mellorar os servizos e calidade de vida, desenvolver políticas de vivenda, diversificar a economía local, mellorar a atención ás persoas en situación de vulnerabilidade e dependencia e atraer talento, actividade e investimento.

Díaz Docampo quere que a súa sexa unha candidatura aberta, na que a participación da veciñanza teña un papel fundamental. Así, durante os próximos meses, pretende manter encontros con diferentes sectores da sociedade local para escoitar propostas, identificar necesidades e incorporar novas ideas ao programa electoral. “Quero que esta sexa unha candidatura que escoite. Que fale coa xente e que conte con ela. O futuro de Petín non o pode deseñar unha soa persoa nin un só grupo: temos que construílo entre todos e desde Petín”, destaca.

 

 

Por iso, asegura que “Un paso adiante” representa tamén unha forma de entender a política municipal. “Avanzar sen esquecer de onde se parte, valorar o realizado, corrixir o que sexa necesario e ter a capacidade de mirar máis lonxe”, di, lembrando que Petín é o seu pobo coñezo as súas fortalezas, os seus problemas e, sobre todo, a enorme capacidade da súa xente. “Quero dar un paso adiante para traballar por ese futuro e facelo contando coa veciñanza”, conclúe Domingo Díaz Docampo, inciando así o camiño do PSdeG-PSOE cara ás eleccións municipais de 2027 cunha proposta que busca “dar continuidade ao avance do municipio, incorporar novas ideas e abrir novas oportunidades para Petín”.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button