SanidadeÚltima hora

Dos 16 facultativos do hospital do Barco que pediron traslado, 10 deixarán de prestar servizo nel

O sindicato UGT asegura que "non vai haber unha continuidade na atención e nos postos de traballo" no centro, mentres que Sanidade asegura que vanse tomar as medidas para "garantir a axeitada prestación sanitaria aos pacientes"

Hospital Público de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O 18 de novembro o Diario Oficial de Galicia publicaba a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se resolve, con carácter definitivo, o ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024 do concurso de traslados aberto e permanente. Nese concurso, un total de 16 facultativos do Hospital Público do Barco de Valdeorras pediron traslado. Destes 16 profesionais, 10 deixarán de prestar servizo nese hospital, segundo informa a Consellería de Sanidade.

“Outros 5 profesionais do Hospital Público do Barco de Valdeorras están afectados polo diferimento do cese neste ciclo de 2024 do concurso de traslados do Servizo Galego de Saúde (xunto con 1 persoa a maiores que neste momento está de baixa). Esta medida ten por única finalidade garantir unha axeitada asistencia nos hospitais comarcais, en espera de que, nos próximos meses, se cubran as prazas nesas categorías co novo persoal sanitario fixo seleccionado nos procesos de estabilización que neste momento están a tramitarse. Esta medida de defirimento do cese ten unha incidencia mínima dentro do colectivo (menos do 7% do persoal facultativo trasladado) e está prevista nas bases que regulan estes traslados anuais –pactadas no ano 2017 coas organizacións sindicais da Mesa Sectorial-“, tal e como indica a Consellería de Sanidade.

Dende o sindicato UGT, alértase da situación na que queda o hospital e sinálase que “non hai unha previsión, hai procesos de oposicións e de concursos que están sen resolver, entón estes profesionais van marchar e non vai haber unha continuidade na atención e nos postos de traballo no Hospital Público de Valdeorras”.

Tamén indica que Pariente que, cando se celebraban as concentracións diante do hospital, “xa advertíamos de que isto se ía producir e vaise a seguir producindo porque segundo vaia habendo oposicións, a xente pode aprobar a oposición aquí, traballar un ano neste hospital, pero en canto pase o ano, pode pedir o traslado. O que dicimos dende UGT é que dende a Consellería de Sanidade ten que haber unha previsión para resolver este tipo de procesos, dous anos parece tempo suficiente como para solucionar todos os procesos e darlles finalización e para que haxa continuidade hai que dar os contratos para que a xente que aprobe as oposicións, poida elixir destinos e poida sacar eses destinos a elixir. Nós cremos que hai unha deixadez por parte da administración, neste caso da Consellería de Sanidade, que dá unha idea do pouco que lles preocupa esta zona e xa non digamos en primaria que é algo parecido. Os profesionais xubílanse, marchan para outros destinos e non damos cuberto esas prazas”.

Pola súa banda, a Conselería de Sanidade asegura que, “sen menoscabar a liberdade que teñen os traballadores de elixir destino, o Servizo Galego de Saúde, e a Xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras neste caso concreto, adoptan as medidas necesarias para garantir a axeitada prestación sanitaria aos pacientes do Hospital Público do Barco de Valdeorras sen que, en ningún momento, haxa falla asistencial”.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button