
A Xunta vén de resolver a última convocatoria do programa ‘Que non te líen, ti elixes’ impulsado polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, na que 69 centros de secundaria de toda Galicia, 9 na provincia de Ourense, recibirán charlas durante o segundo e terceiro trimestre do curso 2025-2026 a prol de que “as mulleres escollan profesión atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por prexuízos ou estereotipos de xénero”.
Todos son centros educativos galegos sostidos con fondos públicos onde estuda alumnado de 3º e 4º da ESO, entre os que están dous do Barco de Valdeorras (IES Martaguisela e CPR Plurilingüe Divina Pastora) e un de Viana do Bolo (IES Carlos Casares).

A iniciativa busca seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores como a automoción, o metal, o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro ou as TIC, contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa. Así, nesta nova edición, as charlas didácticas e debates promovidos nos centros seguirán estando dirixidos por persoal de asociacións, fundacións e clústeres de sectores con escasa representatividade feminina, que porán sobre a mesa cuestións como as condicións laborais dos diferentes ámbitos profesionais, que constatan maiores salarios para os empregos que adoitan estar ocupados por homes. Tamén porán en valor mulleres referentes de éxito en ámbitos profesionais con reducida presenza feminina, para que poidan servir de exemplo ás novas xeracións.
Ademais, neste curso introducíronse como novidade nas actividades desta iniciativa contidos relacionados coa presenza de homes en profesións consideradas tradicionalmente feminizadas, co obxectivo de rachar cos prexuízos ou estereotipos de xénero nas diferentes profesións.