O Parador de Monforte de Lemos converíase na xornda do venres 1 de agosto en punto de encontro, reflexión e celebración nun novo Encontro de Verán de Asomega. Unha cita que a Asociación de Médicos Galegos consolidou como referencia do verán sanitario galego, e que nesta ocasión virou ao redor de dous conceptos profundamente conectados: lonxevidade e ruralidade.
En palabras do seu presidente, o trivés Julio Ancochea, o evento foi “un acto de fe no noso modelo, nos nosos valores, en Galicia”. Durante a súa intervención institucional, Ancochea defendeu unha medicina “con raíces que, sen renunciar á innovación nin á tecnoloxía, non esquece que o primeiro diagnóstico faise cos ollos e o mellor tratamento, coa palabra”.

Este ano a cita desenvolveuse en dous actos. No primeiro, a mesa redonda “Lonxevidade e ruralidade”, moderada por Inmaculada Ramos, directora do Distrito Sanitario de Monforte de Lemos, os relatores compartiron reflexións e datos que convidan a repensar o papel da contorna rural na promoción dunha lonxevidade activa e saudable.
O segundo e máis esperado, era a entrega da IV Beca de Medicina Rural Asomega-SEMG. O proxecto gañador, “Plan de Actuación Integral Saúde Natural do Macizo Central”, impulsado por Sonia Isela Trejos e Carlos Moral, propón unha intervención comunitaria baseada na colaboración interxeracional, o uso de recursos tradicionais, a promoción do exercicio adaptado e a implicación de distintos axentes locais. Unha proposta nada en Manzaneda e Chandrexa de Queixa que converte o desafío demográfico nunha oportunidade para construír benestar colectivo.

Tamén foi recoñecido cun accésit o proxecto presentado por Alicia Falagán e María Lozano desde os centros de saúde da Rúa e Vilamartín de Valdeorras, centrado na prevención da fraxilidade en persoas maiores mediante unha intervención comunitaria e integrada coa contorna.
Ambas as iniciativas foron valoradas como exemplos dunha medicina “próxima, innovadora e profundamente arraigada nas persoas e o seu territorio”, en palabras do presidente de Asomega, Julio Ancochea.
A xornada completouse como sempre cun xantar de confraternización no propio Parador de Monforte, seguida dunha visita guiada ao Monforte Monumental. Claustros, torres e templos serviron de pano de fondo para poñer en valor a historia, a beleza e a alma desta terra, nun broche cultural que reivindicou tamén a dimensión patrimonial do rural galego.

Fotos: Asomega.