
Na xornada do mércores 26 de novembro, a Fundación Otero Pedrayo e a Asociación de Amigos de Otero Pedrayo entregaban os premios da terceira edición do Premio de Oratoria en Formato Podcast “Ramón Otero Pedrayo”.
Tiña lugar na Casa Museo Otero Pedrayo, en Trasalba, contando coa presencia do secretario xeral da Lingua, Valentín García; do director da cooperativa agroalimentaria COREN, Emilio Rial; do presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López Pereira; e da secretaria da Asociación de Amigos de Otero Pedrayo, María José
Bravo.

O primeiro premio foi para Sara Alonso e Martina Rodríguez, alumnas do Colexio Salesianos de Ourense polo seu traballo “A paisaxe galega como símbolo da nosa identidade.” O segundo premio recaeu en “Entre letras e lembranzas. Itinerario dun home de Trasalba”, traballo de Ana González, estudante da Universidade de Santiago de Compostela, que non puido asistir ao acto. O terceiro e derradeiro premio foi para “Ave Pedrayo”, traballo en grupo formado por Lucía Álvarez, Paula del Carmen Díaz, Antía Fernández, Catuxa González, Patricia López, Carla Montero, Joel de Amorín e Milagros Iglesias, das Carmelitas de Ourense.
Este concurso non podería celebrarse sen a colaboración da Secretaría Xeral da Lingua e a colaboración de COREN.