
Dúas persoas resultaban feridas esta mañá nun incendio rexistrado nun piso situado na Praza do Poeta Alfonso Alcaraz, no barrio de Vista Fermosa, na cidade de Ourense. “Un home tivo que recibir atención sanitaria no lugar por inhalación de fume, mentres que a dona da vivenda foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense debido a diversas queimaduras”, tal e como informa o 112 Galicia, que tiña constancia do suceso ás 09:40 horas, a través da chamada dun veciño que alertaba de que unha vivenda do segundo andar estaba ardendo e solicitaba asistencia sanitaria para unha persoa afectada polo fume.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasouse aviso “ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Ourense, á Policía Nacional e Local, así como aos efectivos de Protección Civil. Unha vez sufocado o lume e finalizada a intervención, os bombeiros informaron de que o incendio se iniciou na campá extractora da cociña e que todo o piso se viu afectado polo fume”, segundo o 112 Galicia.