OurenseÚltima hora

“Ecosistema dunha rodaxe”, homenaxe en forma de exposición á “tremoia humana” do cinema, en Ourense

Esta mostra fotográfica, que se inaugurará esta tarde, poderá visitarse ata o 1 de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel

 

O OUFF-Ourense Film Festival presenta a exposición Ecosistema dunha rodaxe, un proxecto expositivo profundamente humano que abre as súas portas este venres 18 de setembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel e que se poderá visitar, dende esta tarde na que se inaugurará, ata o vindeiro 1 de novembro.

A mostra, comisariada pola historiadora da arte e comisaria independente Monse Cea, nace como unha escolma de seis anos de intenso traballo de Esteban DelaIglesia como fotógrafo de rodaxe.

A través da súa ollada, a exposición convida ao espectador a descubrir a engrenaxe oculta e indispensable que fai posíbel a maxia da creación cinematográfica detrás das cámaras, visibilizando o traballo de todas as persoas que compoñen o equipo técnico e humano das producións.

 

 

A dignidade do traballo detrás das cámaras

Como profesional de prestixio no sector, Delaiglesia participou nunha multitude de rodaxes de series e filmes para diferentes produtoras e plataformas dixitais. Coa súa obra, o artista reivindica o labor fotográfico tanto como artesán como artista visual, desdobrándose para ofrecer os usos diversos da fotografía e rehumanizar aos traballadores da industria da ficción.

A exposición capta a esencia do que vive o fotógrafo na súa condición de observador e traballador, apreciando as microhistorias que contan os profesionais e as súas ferramentas de traballo: dende as modestas claquetas ou cadernos personalizados, ata as marcas no chan e o esforzo físico e mental duns equipos sometidos a un grande estrés. En definitiva, a mostra capta xestos sinxelos que subliñan a dignidade do traballo humano nunha era dominada pola tecnoloxía dixital.

Back to top button