A cultura “pluriétnica e multicultural” de Panamá forma parte dos contidos destas XXXIX Xornadas de Folclore de Ourense, que está a piques de concluír, da man da Academia Andrés Valiente, Danzas y Proyecciones Folclóricas, que dirixe Eduardo Hansell Chifundo. É a primeira vez que esta agrupación, creada en 1995 na provincia de Colón (no lado atlántico da República de Panamá), participaba neste encontro que promove a Deputación de Ourense, unha experiencia que cualifica de “marabillosa”.
O grupo está formado por 45 bailaríns e músicos e o seu principal afán é a divulgación das danzas deste país, con propostas creativas, pero sen perder a esencia da súa tradición, buscando dese xeito traballar a prol da salvagarda do seu patriminio cultural inmaterial e na súa transferencia ás vindeiras xeracións. Na súa traxectoria esta academia ten representado a Panamá en máis de 19 países, tanto europeos como americanos.
¿Como valora a súa participación do seu grupo nas Xornadas de Folclore de Ourense?
É marabillosa, penso que se trata dunha iniciativa digna de admirar no noso país e en todo país que teña a experiencia de vir ás xornadas e coñecelas. Creo que é un exemplo digno de seguir, sobre todo, porque promover a arte e a cultura e achegar o folclore internacional a diferentes espazos é unha iniciativa marabillosa, algo que nos levamos de estar compartindo este tipo de actividade acá.
¿Que repertorio de Panamá, tanto a nivel de danza como de canto e de música, se está vendo nas xornadas?
Panamá é un país de Latinoamérica que conta con moitas influencias étnicas. A maioría das nosas referencias culturais teñen esa mestura entre o afro, o hispano e o indíxena, esa fusión que nun momento dado a través da historia quizais foi mal vista dende a época da conquista de América, pero que hoxe nós vemos como un valor, ao ter logrado fusionar eses tres grupos raciais, diríamos nós, para poder sacar como produto o noso folclore multiétnico.
Nós traemos unha proposta que representa, por unha banda, a influencia afro propiamente dita que cabe destacar da rexión da que é o noso grupo, que á e provincia de Colón, no sector atlántico do país. Por outra banda, trouxemos os nosos bailes insignes que son as cumbias, un pouco máis estilizados, onde utilizamos a pollera (saia) que xa vén sendo esa influencia hispánica nun momento determinado a través do colorido, das xoias, de todos os adornos que leva a pollera panameña.
E finalmente está a influencia do indíxena a través de cantos, de partes da nosa instrumentación que dá como resultado final os cantos, os bailes. E finalmente achegamos un grupo de bailes de faena, que representan as actividades cotiás do home e da muller no campo, as colleitas, a semente, entre outras. Esta é a nosa proposta, plasmada a través dalgunhas manifestacións culturais que chamamos “faena en terras altas”.
¿Tamén hai un apartado dedicado ao Carnaval?
Claro, definitivamente é a nosa influencia afrorrexional na provincia de Colón chamada Reino Congo. Esta cultura congo que é Patrimonio Vivo da Humanidade da Unesco, declarado no ano 2018 e que precisamente reflexa esa resistencia ancestral dos negros que foron dispersos na área de América e que ten unha tempada de Carnaval.
¿Que significa para un panameño a música, o folclore?
O principal simbolismo, é a nosa identidade, sentir que é propio, ter un sentido de pertenza polos nosos costumes e o máis importante é poder compartilo con outros países. Ao participar neste tipo de festivais dámonos conta de como todos temos un pouquiño dun e de que cada un ten un pouquiño de todos, e, ao final do camiño, a nosa búsqueda a través da música e da danza é irmanar aos pobos do mundo, promover unha cultura de paz e demostrar ante o mundo que máis alá das ideoloxías políticas e relixiosas, interculturais e das barreiras territoriais, a arte e a cultura promoven a paz e unen en espazos como este na provincia de Ourense, onde se confraterniza con outros países irmáns.
Texto: A.R.
Fotos: O SIL.