Do 18 de setembro ao 2 de novembro estará na Galería Marisa Marimón, en Ourense, a exposición El elemento caprichoso de Tamara Feijoo, unha prolongación do traballo realizado pola artista durante os últimos dous anos, como se puido ver nas súas recentes mostras na Fundación Didac (Santiago de Compostela) e en Appleton (Lisboa).

Tamara Feijoo (Ourense 1982) é unha artista que centra o seu traballo pictórico en investigar o paso do tempo, a transcendencia e as súas manifestacións físicas por medio da pegada, o desgaste e a pátina. Unhas ideas que plasma en representacións e estratexias metafóricas e materiais que atravesan nocións como a fraxilidade da superficie, a sutileza do xesto e a precariedade estrutural. Por ese motivo, na súa obra atópanse soportes con valor significativo e técnicas con carácter poético, leve e mesmo efémero.
El elemento caprichoso é pois dunha selección de obras que funcionan como ensaios de taller e experimentos pictóricos que dan forma a unha imaxinería privado. O debuxo e a pintura están moi presentes, e a elección do soporte segue sendo fundamental. A artista recompila papeis envellecidos, como antigos cadernos e cartafoles, e convérteos na base da súa pintura. En conxunto, estas pezas afondan nos temas centrais de toda a súa traxectoria artística: o ser humano, a natureza e o tempo.
A inauguración será este venres ás 20 horas coa asistencia da artista e visita guiada pola mostra.