
Dentro da liña estratéxica orientada ao descubrimento de novas miradas e ao desenvolvemento do talento emerxente, o OUFF · Ourense Film Festival concede o Premio Ópera Prima desta 31ª edición á película El mal hijo, dirixida por Jaime Lorente. No acto de presentación, no que se proxectou o tráiler oficial do filme, anunciouse ademais que a obra será a encargada de pechar o festival na gala de clausura o vindeiro 3 de outubro no Auditorio Municipal.
Durante a presentación do galardón, o director artístico do festival, Óscar Doviso, subliñou o valor social e autoral de este filme para formar parte da programación: «É un filme que condensa todo o que queremos tratar no OUFF: ten unha carga social potente, fala de adiccións e dos problemas familiares que acarrean. É unha película moi autoral e moi interesante. Trátase do cuarto premio que anunciamos nesta edición, despois da Calpurnia de Honra, o Chano Piñeiro e o Especial OUFF, e na gala de clausura contaremos co seu director, Jaime Lorente, recollendo este merecido galardón».
Pola súa banda, o asesor de programación do OUFF, César Silva afondou nos criterios da decisión e no percorrido da película: «A verdade é que este ano costounos decidir porque había grandes proxectos de moita calidade, pero esta é unha película que nos sorprendeu, feita con moito rigor e con actores, como Susi Sánchez, que son unha gozada. Cumpre, ademais, coa temática de cine social e de conflitos familiares que se vén dando aos premiados nesta categoría nos últimos anos, un tema moi de actualidade en liña co que está a estrear Sorogoyen, precisamente. Ourense será a segunda cidade onde se poderá ver antes da súa estrea comercial o vindeiro 16 de outubro, xa que pasará antes polo Festival de San Sebastián, onde Lorente opta ao premio de Novos Directores».
Detalles do filme e reparto
Baseada na novela homónima de Salvador Molina, a película trasládanse a unha contorna rural para abordar a transmisión interxeneracional das feridas familiares e o peso das adiccións no contorno doméstico.
O elenco está encabezado por Miguel Ángel Puro, Susi Sánchez, Hugo Arbués, Óscar de la Fuente, Abel de la Fuente, Pedro Vega Fabelo e Naiara Carmona. Así mesmo, conta coa participación do actor ourensán Chechu Salgado nun papel secundario, quen xa fora premiado no OUFF no ano 2017.

Traxectoria do director
Jaime Lorente formouse en interpretación na Escola Superior de Arte Dramático de Murcia e conta cun mestrado en estudos avanzados pola UNIR. Comezou a súa carreira na televisión en series como El secreto de Puente Viejo e acadou gran proxección internacional en La casa de papel. A súa traxectoria abrangue o teatro (premiado pola obra Equus), o cinema e a escritura.
Nesta 31ª edición do OUFF, Lorente estará por dobre partida, xa que tamén forma parte do reparto da película La silla, dirixida por Ángel de la Cruz, que se proxectará dentro da programación do festival.
O director de El mal hijo recibirá a distinción como director do filme o vindeiro sábado 3 de outubro ás 20:00 horas, antes da súa proxección na gala de clausura no Auditorio Municipal.
A incorporación deste galardón e o pase de clausura reafirman o papel do festival como plataforma de impulso para a creación emerxente e escaparate de estreas exclusivas.