Segunda cita do VI ciclo Terrasón no Barco de Valdeorras e cun grupo da casa. No mediodía deste domingo 3 de agosto, na sesión vermú, El Patio de Leni subíase ao escenario, no Paseo do Malecón, para ofrecer aos asistentes un concerto único. “O bo que ten a música en directo é que é irrepetible”, dicía o saxo do grupo, agradecendo ao Concello e á Xunta por contar con eles para esta edición do Terrasón.

Formado por seis músicos con expleriencia noutras agrupacións anteriores, El Patio de Leni nacía hai case tres anos e dende entón non deixou de actuar por toda a zona, en espazos abertos e tamén locais, en solitario ou formando parte dun cartel con outras bandas. Membro de AMAVA, o seu repertorio inclúe sobre todo temas pop-rock dos anos 80 e 90, pero tamén temás máis actuais e algún propio.
E iso era o que ofrecía hoxe, un repaso por clásicos como Carolina, Miedo ou Retales de mi vida, entre outros, ademais dun tema composto por eles mesmos, Vivir sin esperar.

Dentro dos Concertos do Xacobeo e coa ubicación dos espectáculos vinculada ao Camiño de Inverno (a primeira era na praza Maior e esta na zona da pasarela) a seguinte actuación será o 8 de agosto, tamén no Paseo do Malecón pero na zona de Correos, a cargo de Ángela González.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.