
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, recibiu ao alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, para abordar o avance do programa Campus Rural, unha iniciativa do Goberno para que os universitarios fagan prácticas en municipios de menos de 5.000 habitantes.
O Concello de Manzaneda acolle a unha universitaria de Arquitectura en prácticas dentro do programa do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, en colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) e a maioría de universidades públicas. O alcalde e o subdelegado aseguraron que a medida é un éxito que axuda a fixar poboación no rural.
Por outra banda, abordaron o Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade, que permite facer ao Concello de Manzaneda un campamento de verán con 60 nenos e nenas, facilitando a conciliación das familias, con fondos do Goberno.

Finalmente, Eladio Santos felicitou a Amable Fernández porque Manzaneda é un dos municipios do oriente ourensán que acaban de lograr a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional para o seu tradicional entroido. “A xestión do alcalde é eficiente, con beneficios palpables no día a día dos seus veciños e veciñas, pois é un Concello moi activo”, remarcou o subdelegado.