OurenseÚltima hora

Eladio Santos anima á cidadanía a desfrutar da Romaría Raigame de Vilanova dos Infantes “con responsabilidade e cumprindo as normas”

O subdelegado do Goberno coordinou ás Forzas e Corpos de Seguridade implicados no dispositivo especial para garantir o correcto desenvolvemento da celebración

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, copresidía esta mañá a Xunta Local de Seguridade de Celanova que abordou a diagnose das estatísticas delituosas e ultimou o dispositivo de seguridade para a Romaría Raigame de Vilanova dos Infantes, que se celebrará o 17 de maio. Tras o encontro, animou á cidadanía a desfrutar da celebración “con seguridade e cumprindo as normas”.

A reunión, celebrada no Concello de Celanova, estivo copresidida tamén polo alcalde do municipio, Antonio Puga, e contou coa asistencia da directora territorial de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, Beatriz Fernández, así como de representantes da Garda Civil e a Policía Local, que abordaron tamén o estado da violencia machista, da seguridade cidadá e do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas Contornas.

Na Xunta Local de Seguridade, Eladio Santos coordinou ás Forzas e Corpos de Seguridade implicados no dispositivo especial para garantir o correcto desenvolvemento da Romaría Raigame de Vilanova dos Infantes. O operativo estará composto tamén por seguridade privada e reforzarase con gardas civís da Unidade de Seguirdade Cidadá (USECIC) da Comandancia de Ourense. Aínda así, Santos apelou á responsabilidade dos veciños, veciñas e visitantes para que esta festa tradicional transcorra “de forma segura e con total normalidade”.

Respecto ao repaso das estatísticas de criminalidade, o subdelegado felicitou á Garda Civil polo traballo feito, que deu os seus froitos, xa que no primeiro trimestre deste ano 2026 o índice de esclarecemento dos delitos cometidos no municipio aumentou en 6 puntos respecto ao mesmo período do ano anterior e superou a porcentaxe do 51 %. Ademais, valorou a “estreita e constante” colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local.

 

 

En canto aos datos de violencia de xénero, existen nestes momentos 13 casos activos no municipio, 5 máis que na anterior Xunta Local de Seguridade. Por iso, Eladio Santos instou a non baixar a garda na loita contra a violencia de xénero, “unha lacra que sofren moitas mulleres diariamente”.

Centros educativos

Sobre o Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas Contornas, a Garda Civil impartiu neste curso 2025/26 un total de 22 charlas nos tres centros educativos do municipio, que tiveron boa acollida. As temáticas maioritarias foron ciberacoso escolar, ciberseguridade, adicións a sustancias, violencia sobre a muller e prevención de discursos de odio.

Back to top button