
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, anunciou hoxe un incremento dos controis da Garda Civil para o control de entrada da uva foránea de cara á vendima deste 2026. Fíxoo na reunión de coordinación celebrada esta mañá para garantir un ano máis a máxima calidade dos viños das catro denominacións de orixe ourensás.
No encontro, celebrado na Subdelegación do Goberno, os responsables desta institución, representantes da Xunta, Forzas e Corpos de Seguridade e os catro Consellos Reguladores realizaron un intercambio de información e abordaron as necesidades existentes. Tras a reunión, Eladio Santos comunicou que se estableceron uns operativos “moi rigorosos” de control de entrada de uva foránea en zonas limítrofes con outras provincias e con Portugal e indicou que tamén se vixiará especialmente o posible intercambio fraudulento de uvas ou de mostos entre as diferentes denominacións de orixe de Galicia.
Nun ano no que se prevé unha elevada colleita, o subdelegado subliñou a importancia de coidar “un sector clave” para a economía da provincia, o vinícola. “Debemos vixiar que non se poña en perigo pola introdución de uva foránea que provoque unha crise no sector coa perda de calidade ou prestixio e que supoña un fraude alimentario”, advertiu.
Neste sentido, o subdelegado insistiu en que o obxectivo do reforzo policial é “combater o fraude e garantir a calidade e prestixio do viño da provincia de Ourense”. Así, lembrou que a entrada de uva foránea nas denominacións de orixe pode supoñer diversas consecuencias: a imposición de infraccións administrativas; responsabilidade penal por delitos de fraude alimentario; a expulsión dunha bodega da denominación de orixe; un importante prexuízo ao sector, e mesmo a introdución de pragas.
Ademais, Eladio Santos agradece á Garda Civil, á Policía Nacional e á Policía Autonómica a súa absoluta coordinación para establecer os controis, que este ano serán máis frecuentes. Tamén agradeceu a implicación das Denominacións de Orixe e da Xunta.

Á reunión asistiron tamén o secretario xeral accidental da Subdelegación do Goberno, Félix Ríos; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o director de AGACAL, Martín Alemparte; o director territorial de Medio Rural, José Antonio Armada; o capitán xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense, Javier Barja; o inspector da Policía Nacional Francisco Javier Mangana; o subinspector xefe do Subgrupo da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma Miguel Ángel Mojón; o xefe interino da Uprona, Miguel Ángel González; o capitán xefe da Compañía de Verín, Abel José Rodríguez; a xefa de Protección Civil da Subdelegación, María Carmen Lodos; o xefe do departamento de Protección da Calidade Diferenciada, Raimundo Castaño; a presidenta Consello Regulador DO Ribeiro, Concha Iglesias; a secretaria do Consello Regulador DO Valdeorras, Patricia de Andrés; o presidente do Consello Regulador DO Ribeira Sacra, Antonio Lombardía, e o xerente Consello Regulador DO Monterrei, Gonzalo Losada.
