
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, apelou á “necesidade de concienciación e unidade” para facer efectiva a loita contra a violencia machista. “Estamos fronte a unha lacra que este ano se cobrou en España 38 vidas”, sostivo durante o acto institucional do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que presidiu hoxe ante a Subdelegación do Goberno.
Durante a lectura do manifesto do 25N, o subdelegado destacou que “ningún discurso negacionista, nin interese partidista debe estar por enriba da loita contra unha violencia que suma cada día dor e inxustiza e que nos avergoña como sociedade”. “Non podemos permitir barreiras ideolóxicas nin políticas que poñan freo a una loita común contra a violencia machista, porque hai vidas que están en risco”, remarcou.
Eladio Santos lembrou os avances conseguidos coa Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, “un texto pioneiro que destaca polo seu enfoque integral e mobilizou recursos en ámbitos diversos, como a educación, a sanidade, o emprego, a xustiza e os servizos sociais”. Tamén puxo en valor o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, renovado neste 2025 e no que se incorpora a violencia vicaria, violencia dixital e violencia económica, e lembrou a importancia da Lei Orgánica 10/2022, que puxo en marcha os Centros de Crise 24 horas en tódalas provincias.
Finalmente, o subdelegado pediu a implicación do conxunto da sociedade, desde familias e centros educativos, “para transformar comportamentos e estruturas socioculurais”. “Por todas as mulleres que deron o paso e por todas as que aínda non puideron facelo, non mires para outro lado”, concluíu.

Poesía e música
O acto institucional estivo presentado pola xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense, María Alida Iglesias, e contou cun recital de poesía a cargo do Círculo Poético Ourensán e unha actuación musical do dúo Lorena e María.

Xornada formativa
A programación polo 25N continúa o xoves, 27 de novembro, no Liceo de Ourense, cunha xornada formativa. A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela con competencia en Violencia sobre a Muller, Paz Filgueira, ofrecerá a conferencia “Retos na loita contra a Violencia de Xénero. Especial referencia aos menores. Balance sobre protección de muller e menores”. Despois, terá lugar a mesa redonda “Tipos de violencias sexuais. ONVIOS. Protocolos de intervención e seguridade a vítimas de violencias sexuais. Centro de Crise 24”, na que participarán o inspector xefe UFAM da Policía Nacional,Carlos Vázquez; o sarxento xefe da Policía Xudicial da Garda Civil, Luis Ángel Veloso, e a coordinadora do Centro de Crise 24 horas, Nuria Fernández.
