
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, vén de avaliar nunha reunión cos mandos da Policía Nacional e da Garda Civil na provincia o balance de seguridade cidadá do primeiro trimestre do ano, que fixo público o Ministerio do Interior, e que reflicte unha mellora xeneralizada nos datos de seguridade na provincia. A reunión de seguimento tivo lugar na Subdelegación e nela participaron o comisario xefe da Policía Nacional de Ourense, Juan Cástor Vázquez, e o xefe accidental da Comandancia da Garda Civil da provincia, Comandante Benito Fernández Santamarina.
Durante a mesma, o subdelegado trasladou aos mandos as felicitacións polo descenso da taxa de delincuencia na provincia que ofrece este último balance. Esta taxa, a 31 de marzo, reflicte 31,1 delitos por cada 1.000 habitantes, e mellora en medio punto a taxa obtida na mesma data do ano 2025, grazas ao descenso dun -5,9% do número de delitos coñecidos no primeiro trimestre.
Eladio Santos remarcou que esta cifra sitúase por debaixo da media galega e a moita distancia da taxa media nacional: “unha circunstancia que confirma o traballo profesional e cualificado das Forzas e Corpos de seguridade na provincia e na cidade”.
No que respecta á tipoloxía dos delitos, o subdelegado subliñou o descenso en 10 das 14 tipoloxías que recolle o informe do Ministerio do Interior, con baixadas moi significativas nos roubos con violencia (-74%), roubos con forza en establecementos (-14,8%) e furtos (-14,7%).
Pola contra, Eladio Santos puxo o aceno no aumento da cibercriminalidade na provincia, que ascende un 14,8% con respecto ao primeiro trimestre do ano pasado. Esta suba está empurrada polo aumento das ciberestafas, que suben case un 17% neste período.
En todo caso, o subdelegado destacou que, na comparativa con provincias de poboación semellante do resto de España (entre 300.000 e 400.000 habitantes), Ourense presenta os mellores resultados comparativos, tanto no referente a criminalidade convencional como cibercriminalidade.
Cidade de Ourense
Na reunión, analizouse a evolución da seguridade cidadá na cidade de Ourense, sobre a que o subdelegado avanzou que, na comparativa con cidades de similar poboación, Ourense presenta os mellores datos de seguridade cidadá: “Nun contexto de descenso do 13,5% da criminalidade convencional, en Ourense rexistráronse baixadas dun 78% nos roubos con violencia ou nun 12% nos furtos”.
Máis recursos
Eladio Santos puxo en valor o reforzo da plantilla da Policía Nacional da cidade e as próximas incorporacións dos axentes en prácticas en Garda Civil, que sumarán 24 axentes a partir da vindeira semana. Tamén na Garda Civil, o subdelegado anunciou a posta en servizo de dous vehículos para implementar o servizo de Unidades Móbiles de Atención Cidadá.

