
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, asistía na mañá deste mércores 21 de outubro á xornada técnica sobre sinistros con animais da DXT en Ourense, onde chamou a seguir traballando para reducir estes accidentes viarios, a maioría deles con xabarís.
Eladio Santos lembrou as recomendacións da Dirección Xeral de Tráfico nestes casos, de xeito que se eviten todos os riscos posibles. Nese sentido, pediu aos condutores “non facer xiros bruscos para tentar evitar o animal, pois resulta máis seguro enfrontalo directamente”. Por outra banda, destacou a importancia de “ter un seguro do vehículo á altura, afondando na prevención como mellor xeito de evitar problemas tras ter o accidente”.
O subdelegado salientou o labor das forzas e corpos de seguridade, en especial da Garda Civil de Tráfico, “garante dunha provincia máis segura no eido circulatorio”, dixo, poñendo tamén en valor “a acción da propia DXT na prevención e concienciación da cidadanía sobre os riscos na estrada”. Por último, subliñou a “relevancia de xornadas como a desta mañá en Ourense, que afondan e tentan achegar solucións a unha problemática tan estendida na provincia”.