OurenseÚltima hora

Eladio Santos convida á asociación Por Eles TEA á homenaxe á Constitución Española que organiza a Subdelegación

O subdelegado agradeceu a implicación dos profesionais, das familias e das demais persoas que forman parte da asociación

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitaba esta mañá a asociación Por Eles TEA para convidar aos seus integrantes ao acto de homenaxe á Constitución Española que organiza anualmente a Subdelegación e que este ano conmemora o artigo 49, que establece a protección das persoas con discapacidade.

Na visita, o subdelegado puido coñecer de primeira man os programas, actividades e servizos que desenvolve a asociación, así como o traballo diario dos seus profesionais e voluntarios para mellorar a calidade de vida das persoas con TEA, favorecer a súa autonomía e promover a súa plena inclusión social.

Santos felicitou a entidade polo seu compromiso e dedicación e destacou que “o traballo que realizan asociacións como esta é fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva, na que todas as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida con dignidade, autonomía e igualdade de oportunidades”.

 

 

Así mesmo, agradeceu a implicación dos profesionais, das familias e das demais persoas que forman parte da asociación. “O seu esforzo diario constitúe un exemplo de compromiso social e unha contribución imprescindible para construír unha sociedade máis xusta, solidaria e respectuosa coa diversidade”, subliñou.

Durante o encontro, o subdelegado explicou que este ano foi escollido o artigo 49 para o concurso da Constitución co fin de visibilizar os dereitos das persoas con discapacidade e o labor imprescindible que van as asociacións como esta.

Back to top button