EconomíaEconomíaÚltima hora

Eladio Santos destaca en Montederramo o impulso á recuperación do sector agrogandeiro con axudas aos afectados polos lumes

Con respecto á dermatose nodular, o subdelegado do Goberno asegura que "aínda que non hai ningún caso en Ourense, é necesario extremar as medidas de bioseguridade en todas as explotacións de gando vacún e no transporte de animais”

 

Durante a visita na mañá dese xoves 30 de outubro a unha explotación gandeira de Montederramo que sufriu danos, onde estivo acompañado polo alcalde do municipio, Óscar Diéguez, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou o “impulso do Goberno á recuperación do sector agrogandeiro ourensán, como amosan as axudas de entre 1.500 e 10.000 euros que concede o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación aos afectados polos lumes do pasado verán”.

Eladio Santos explicou que o Consello de Ministros aprobou a semana pasada o real decreto polo que se regula a concesión directa de axudas para compensar os danos producidos na actividade agraria e gandeira polos incendios. O presuposto se estima en 27 millóns de euros, dos que se beneficiarán arredor de 4.000 agricultores e gandeiros. “Unha vez máis, o Goberno de España mobiliza recursos e adopta medidas eficaces para protexer ás persoas e paliar as consecuencias dun desastre”, indicou.

 

 

O subdelegado escoitou as preocupacións do propietario da explotación e trasladoulle o seu apoio. Concretoulle que “a xestión e concesión das axudas realizarase de oficio polo ministerio, sen que os interesados teñan que realizar trámites, co obxectivo de que as cantidades estean abonadas antes do 31 de decembro deste ano”.

Axudas da PAC

Por outra banda, Santos sinalou que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación adianta ata o 30 de novembro 44 millóns de euros á Comunidade Autónoma de Galicia para realizar o pago dos anticipos aos beneficiarios das axudas directas da Política Agraria Común (PAC) correspondentes ás solicitudes de axuda presentadas en 2025. “Estes fondos súmanse ás axudas para paliar os danos provocados polos lumes para que os sectores agrícola e gandeiro de Ourense continúen sendo competitivos, grazas á negociación e ao esforzo inversor do Goberno de España”, apuntou.

 

 

Dermatose nodular

O subdelegado abordou tamén a situación da dermatosis nodular contaxiosa tras a detección do virus en Cataluña. Sinalou que o ministerio remitiu á Comisión Europea un plan de vacinación de emerxencia e adquiriu doses por un valor de 660.000 euros, o que permitirá implementar o plan e dispoñer de existencias de continxencia suficientes.

“Aínda que non hai ningún caso en Ourense, é necesario extremar as medidas de bioseguridade en todas as explotacións de gando vacún e no transporte de animais”, incidiu. Así mesmo, defendeu que o Goberno ten unha estratexia nacional ben deseñada para protexer ao gando e realiza un seguimento rigoroso do avance do virus.

 

Back to top button