OurenseÚltima hora

Eladio Santos destaca en Verín as axudas do Goberno de máis de 4M€ para dez concellos da provincia

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, enxalzou hoxe en Verín “o impulso sen precedentes” do Goberno de España á mellora da vida no rural da provincia de Ourense, como mostra a axuda de máis de 4,4M€ do Plan EDIL para a agrupación de dez Concellos da mancomunidade de Conso Frieiras. Fíxoo durante a presentación do proxecto, celebrada esta mañá no Concello de Verín.

Acompañado polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e outros alcaldes e alcaldesas dos Concellos implicados, o subdelegado explicou que o Goberno de España deseñou esta convocatoria do Plan EDIL, enmarcada no Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) correspondente ao período 2021-2027, “para facilitar ás Entidades Locais a transformación dos municipios”. “Apostamos pola transformación das nosas vilas cara un modelo máis sustentable e, neste caso, as actuacións son esenciais para asegurar servizos públicos modernos e protexer a saúde das persoas, dado que se proxectan infraestruturas hidráulicas e a mellora integral do ciclo da auga”, resaltou o subdelegado.

Eladio Santos felicitou aos alcaldes e alcaldesas desta unión de Concellos, composta por Verín, Cualedro, Monterrei, Oímbra, Laza, Vilardevós, Castrelo de Val, A Mezquita, Riós e A Gudiña. “Sodes un exemplo de unidade e coordinación en servizo dos veciños e veciñas, porque fostes capaces de facer un proxecto conxunto que cumpriu á perfección os criterios de cualificación desta convocatoria”, destacou.

Os alcaldes e alcaldesas presentes no encontro agradeceron a reunión que mantiveron o pasado mes de xuño co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e co subdelegado, Eladio Santos, no Concello de Verín, onde analizaron este plan de cara a adaptarse á convocatoria e valorar a posibilidade de captar fondos europeos para modernizar os seus municipios.

 

 

Proxecto de Verín

O proxecto beneficiario de 4.365.152€ está relacionado co ciclo da auga e prevé melloras no saneamento e abastecemento, así como no control de vertidos e na optimización do consumo. Contempla tamén a adecuación dun tramo do río Támega ao seu paso por Verín para evitar inundacións, de forma que inclúe a creación de zonas de protección fronte as habituais riadas preto do hospital, co fin de conseguir unha contorna segura no río.

Este plan proxecta tamén a construción dun paseo fluvial con áreas de esparexemento para o desfrute da poboación e a demolición dunha ponte vella que ocasiona problemas. No seu lugar, a iniciativa planea a execución de dúas pontes alternativas para cruzar o Támega. Ademais, construirase unha estación de tratamento de auga potable (ETAP).

22 millóns na provincia

A Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda publicou o 3 de outubro no Boletín Oficial do Estado (BOE) a resolución pola que se resolve provisionalmente a convocatoria para a asignación de senda financeira FEDER, que reparte 1.774.305.006 euros en toda España, dos que Galicia se leva 173.800.903 euros.

Na provincia de Ourense hai catro plans beneficiados, con 22 millóns de euros. En concreto, na categoría de cidades grandes está o Concello de Ourense, cunha senda FEDER asignada de 8.730.304€. Na categoría de áreas funcionais figuran tres asociacións de Concellos. Aparte da de Verín, hai dúas que teñen por entidade solicitante á Deputación de Ourense e obteñen cada unha 4.365.152€. Unha está liderada por Barbadás e inclúe a San Cibrao das Viñas e O Pereiro de Aguiar. A outra, encabezada polo Barco, aglutina aos municipios de A Rúa, Larouco, Vilamartín, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, O Bolo, Petín e Rubiá.

 

Back to top button