
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacaba hoxe o valor cultural e turístico do Entroido tradicional de Viana do Bolo. Fíxoo durante a súa asistencia á Comparsa que esta mañá visitaba a aldea de San Mamede.
Eladio Santos destacou que o Entrudio de Viana do Bolo foi declarado recentemente como Festa de Interese Turístico Nacional, xunto aos entroidos de Manzaneda e Vilariño de Conso. “Trátase dun recoñecemento que sitúa a este territorio como referente do patrimonio inmaterial da provincia de Ourense”, destacou.
“San Mamede é mantén con orgullo tradicións que hoxe son un motor cultural, social e económico para a comarca”, afirmou o subdelegado, que felicitou aos organizadores da comparsa, que recuperaron esta tradición no 2019. “Sen a implicación dos veciños e veciñas de Viana do Bolo sería imposible manter viva a tradición”, indicou.
Ademais, Eladio Santos felicitou ao Concello de Viana do Bolo por conseguir o recoñecemento como Festa de Interese Turístico Nacional. “Quero felicitar aos concellos de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso porque a súa unión e capacidade para traballar xuntos por un obxectivo común, así como a loita por preservar os seus valores culturais, fixeron posible este logro”, destacou.
A comparsa tradicional de Viana do Bolo divídese en catro partes: o permiso, a ronda, o brindis e a disputa. Despois, ás 17:00 horas, celebrábase na aldea de Pradocabalos. O sábado que vén repetirase en Quintela de Hedroso e Pinza.