Na mañá deste venres 6 de marzo, despois da reunión de coordinación con representantes dos concellos da provincia nos que se verá de forma total a Eclipse de Sol, o subdelegado do Goberno, Eladio Santos supervisaba, acompañado polo alcalde do Barco, Arentino Alonso, as obras de asfaltado da N-120 ao seu paso polo Barco de Valdeorras, incluídas no Plan Especial de Reparación e Conservación de Estradas do Estado en Galicia, dotado de 167 millóns de euros, con 38 millóns extraordinarios polas borrascas. “Dese importe, máis de 8 millóns se destinan á rede viaria estatal da provincia, así como 3 millóns á N-120 nas provincias de Lugo e Ourense”, dixo Santos, destacando o compromiso do Goberno de España coa seguridade viaria, cun investimento de 9 millóns de euros para reparar as estradas ourensás danadas polos sucesivos temporais dos últimos meses. “Con axilidade e solvencia, os traballos comezaron apenas 15 días despois das últimas choivas fortes”, indicou.


O subdelegado agradeceu a rapidez do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, cunha “resposta inmediata” para rehabilitar as estradas ourensás tras os danos provocados polas borrascas dos últimos meses. En concreto, hai actuacións previstas nas autovías A-52 e A-75 e nas estradas N-120, N-525, N-540, N-541 e N-532. “Este Goberno actúa sen demoras, con investimento real, para restaurar o bo estado das infraestruturas e lograr unha condución plenamente segura, nas mellores condicións”, sostivo.
N-120
Eladio Santos explicou que na N-120 se están a executar obras de emerxencia para a rehabilitación do firme por 3 millóns de euros, dos que 900.000 corresponden a diferentes tramos da provincia de Ourense, mentres que o resto se destinan á zona de Lugo. “É unha vía fundamental para o tránsito de Valdeorras á capital provincial, polo que a súa conservación é unha prioridade”, sinalou.

Estradas municipais
Aparte do investimento propio na rede viaria estatal, lembrou o subdelegado, o Goberno de España declarou Galicia como Zona Gravemente Afectada por unha emerxencia de Protección Civil debido ás borrascas, polo que concede axudas extraordinarias para a reparación de infraestruturas municipais. “O Goberno non só restaura e conserva o seu, senón que axuda economicamente aos Concellos e Deputacións a reparar as súas estradas”, explicou.

Danos polos lumes forestais
Ademais, Santos lembra que se están a executar outras actuacións nas estradas estatais da provincia para reparar os danos causados polos lumes forestais do ano pasado por 3,8 millóns de euros. Estas intervencións execútanse nas estradas N-120 e N-525 e na autovía A-52 e consisten en protección de taludes, sinalización, drenaxe, balizamento e pechamento.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.