
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, mantivo hoxe unha primeira reunión institucional coa alcaldesa de Viana do Bolo, Graciela Diéguez, na que participou tamén o tenente de alcaldesa, José Antonio Alfonso. Santos felicitou á rexedora polo seu novo cargo e trasladoulle os seus mellores desexos para esta nova etapa. Ademais, celebrou que Diéguez sexa a primeira muller en asumir a Alcaldía de Viana do Bolo, “un novo paso cara á igualdade efectiva entre homes e mulleres”.
Abordaron distintas cuestións de interese para o municipio e para a súa veciñanza nun encontro no que Eladio Santos lle trasladou a disposición do Goberno de España a manter unha colaboración permanente co Concello. Entre os asuntos tratados, Santos destacou as actuacións de restauración hidrolóxico-forestal tras os incendios de 2025, así como as axudas mobilizadas polo Estado para os sectores agrario e gandeiro afectados.

O subdelegado tamén puxo en valor o esforzo inversor do Goberno en materia de infraestruturas, como amosa o investimento de 1,8 millóns de euros da Confederación Hidrográfica Miño-Sil en actuacións na EDAR. Ademáis, Santos precisou que a CHMS tamén está investindo na limpeza de cauces e canalización do arroio de A Bouza para previr situacións de riadas como as ococrridas recentemente.
Neste sentido, Eladio Santos salientou que o Goberno mantén «unha man tendida» para atender as necesidades de Viana do Bolo e do conxunto da comarca. Así mesmo, trasladoulle á alcaldesa que a tramitación das axudas polas borrascas do inicio do inverno na provincia, tras a declaración de Zona Gravemente Afectada por unha Emerxencia de Protección Civil, está en marcha.
Pola súa banda, a alcaldesa de Viana cualificaba a reunión de “cordial”, sinalando que se desenvolvía nun ambiente de colaboración. Así mesmo, referíase en concreto aos asuntos abordados entre eles, “a urxencia na concesión das subvencións destinadas a reparar os danos ocasionados nas infraestruturas municipais, con especial atención ás actuacións necesarias en Pradocabalos, Pixeiros, A Bouza, O Castro e outras zonas afectadas”.
Graciela Diéguez destacaba tamén a “petición dunha zona de emerxencia para Viana do Bolo, así como a posibilidade de acceder a novas liñas de axudas e subvencións que permitan continuar mellorando as infraestruturas e a calidade de vida das veciñas e veciños de Viana”.
A rexedora concluía asegurando que “desde o Concello continuamos mantendo vías de diálogo e colaboración coas diferentes administracións para defender os intereses de Viana do Bolo e avanzar en solucións para as necesidades do noso municipio”.
