A RúaConcellosÚltima horaVídeos

Eladio Santos presenta na Rúa a campaña para garantir a seguridade das mulleres no Camiño de Santiago

A iniciativa do Goberno 'Non camiñas soas' busca dar a coñecer ás peregrinas os recursos postos a disposición das mulleres e que poden utilizar no caso de que sufran calquera tipo de violencia

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, subliñou hoxe o compromiso do Goberno de España coa seguridade das mulleres no Camiño de Santiago. Fíxoo durante a presentación da campaña ‘No caminas sola: camino de Santiago libre de violencias machistas’, que tiña lugar na mañá deste luns 6 de xuño no Aguillón, na Rúa, por onde pasa o Camiño de Inverno.

 

 

Ao acto asistiron tamén a xefa da Unidade contra a Violencia Sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias; a alcaldesa do municipio, María González Albert; o tenente coronel xefe da comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo, e outros membros do corpo que fixeron un despregue de medios con vehículos, helicópteros e un dron, que puideron ver os nenos dos campamentos de verán.

Na súa intervención, Eladio Santos explicou que esta iniciativa destinada a reforzar a protección das mulleres no Camiño de Santiago comezou no 2021, promovida polas Unidades de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller das Delegacións do Goberno de Galicia, Aragón, Navarra, La Rioja, Castilla y León e Extremadura, debido ao aumento de mulleres peregrinas que deciden transitar as rutas xacobeas en soidade. A campaña busca dar a coñecer ás peregrinas os recursos postos a disposición das mulleres e que poden utilizar no caso de que sufran calquera tipo de violencia.

 

 

O subdelegado indicou que na provincia de Ourense se distribuíron 150 carteis e 1.550 tarxetas informativas, redactadas en castelán e inglés, que se colocan en farmacias e centros sanitarios, así como albergues, oficinas de turismo, comisarías e postos da Garda Civil. Estes materiais inclúen teléfonos de contacto e recomendan descargar a app AlertCorps, unha ferramenta que conecta directamente coas forzas de seguridade, e un código QR que permite o acceso á web da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, na que hai información e recursos contra a violencia sobre a muller.

Neste sentido, Santos incidiu en que “é precisa a implicación de toda a sociedade para erradicar a violencia machista”. “A difusión desta campaña con tantos axentes implicados axuda a ter a información sobre todos os recursos dispoñibles e a sensibilizar, previr e denunciar as violencias que poden sufrir as peregrinas, así como a mellorar a protección e seguridade dos camiños”, remarcou. As rutas que atravesan a provincia de Ourense son o Camiño de Inverno, que transcorre polos municipios de Carballeda, O Barco, Vilamartín e A Rúa, e a Ruta da Prata, que discorre por A Gudiña, Xunqueira de Ambía, Verín, Monterrei, Xinzo de Limia, Allariz, Ourense e San Cristovo de Cea.

 

 

A alcaldesa da Rúa asegurou que este tipo de campañas “é fundamental no contexto que estamos a vivir, de regresión dos dereitos da mulleres, coa cantidade de casos que se están a dar no noso concello de agresións ás mulleres, unha cuestión que se está a ver en todas partes o que demostra un repunte nos casos de violencia machista, un tema que nos preocupa moito”. González Albert tamén fixo referencia ao espazo no que se celebraba a presentación, o Aguillón no que se levan a cabo moitas das actividades e festas de verán nas que se move moita xente “e nas que informamos ás mulleres das ferramentas coas que contan”.

Pola súa banda, o tenente coronel xefe da comandancia da Garda Civil de Ourense daba as grazas ás institucións por “poñen en valor o traballo que desempeñamos, nunha época na que se compatibilizan con outros labores e unha dificultade engadida como os incendios que sufrimos o ano pasado”, dixo, covidando á xente a facer o Camiño “que na povincia é precioso”.

 

 

Presente tamén no acto, a presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, Asunción Aria, lembrou que as colectivos como os que ela preside “seguimos aquí aínda que non teñamos tanta actividade nin nos publicitemos”, asegurando que son moitos os peregrinos que se poñen en contacto con eles cando teñen algún problema ou se sinten en perigo. “Normalmente avisamos nós á Garda Civil pero non sempre nos dá tempo, sendo nós mesmos os que acudimos á chamada”.

Plan de Seguridade Xacobeo 2026 

Aparte desta iniciativa, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado puxeron en marcha o Plan de Seguridade Xacobeo 2026, unha campaña na que participan corpos policiais de varios países europeos polos que transcorren os camiños e que pretende garantir a plena seguridade dos peregrinos e peregrinas nas rutas xacobeas. Prolongarase ata o 12 de outubro.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button