OurenseÚltima hora

Eladio Santos recolle a Medalla de Ouro de Protección Civil á Subdelegación do Goberno en Ourense polo seu “intenso traballo” durante a vaga de lumes do pasado verán

O subdelegado do Goberno insta a “aprender da traxedia vivida” e “poñerse a traballar xa para facer cambios e melloras na coordinación dos diferentes equipos e administracións”

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, recollía hoxe a Medalla de Ouro que outorgou a Asociación Provincial de Agrupacións de Protección Civil á Subdelegación do Goberno en Ourense polo seu “intenso traballo” durante a vaga de lumes do pasado verán. Xunto á xefa da Unidade de Protección Civil da Subdelegación do Goberno, Mari Carmen Lodos, recibiu a distinción nun acto celebrado esta mañá no auditorio municipal de Ourense.

Na súa intervención, Santos agradeceu o recoñecemento ao labor feito durante os dezaseis días consecutivos nos que estivo constituído o CECOPI (Centro de Coordinación Operativa Integrado) en Ourense. “Dou as grazas de todo corazón aos técnicos, profesionais, expertos, representantes de administracións públicas, as Forzas e Corpos de Seguridade, aos integrantes da UME, da BRILAT e da BRIPAC e aos voluntarios de Protección Civil, porque todos eles fixeron un traballo arduo, durante horas e horas sen descansar, por protexer á poboación en fixar as directrices de control da emerxencia”, asegurou.

Neste sentido, o subdelegado instou á administración competente en materia forestal a “aprender da traxedia vivida” e “poñerse a traballar xa para facer cambios e melloras na coordinación dos diferentes equipos e administracións”, porque, recoñeceu, “hai cousas que se poden mellorar”.

Así mesmo, Santos sostivo que “a loita contra os lumes non terminou” co fin do nivel 2 de emerxencia, senón que continúa agora, con axudas aos afectados, a restauración das zonas danadas e medidas de prevención. Lembrou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica deseñou con anticipación un plan de choque post-lumes que mobilizou 3 millóns de euros para as zonas da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, onde 20 brigadas realizan actuacións de contención das cinzas para minimizar o impacto nas captacións de auga. Puxo en valor tamén que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación comezou esta semana o pago de máis de 4,9 millóns de euros en axudas directas aos gandeiros e agricultores de Galicia afectados polos incendios.

 

 

Condecoracións

A Asociación Provincial de Agrupacións de Protección Civil de Ourense quixo poñer en valor o traballo de coordinación e colaboración entre institucións realizado entre os organismos que estiveron loitando sen descanso contra os incendios forestais do pasado agosto. No acto, que coincidiu co Día Internacional do Voluntariado, entregáronse 15 medallas de ouro, 5 de prata e 41 de bronce.

Back to top button