OurenseÚltima hora

Eladio Santos reúnese co presidente da Deputación de Ourense

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, recibiu hoxe na Subdelegación ao presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, para manter unha reunión institucional sobre asuntos de actualidade relacionados coa provincia.

Entre os temas abordados, o presidente da Deputación pediu flexibilizar a regra de gasto da Deputación e dos concellos. Esta solicitude foi recollida polo subdelegado, que se comprometeu a trasladarlla ao Ministerio de Facenda e a comunicar despois a correspondente resposta.

Eladio Santos lembroulle a Luis Menor que España está suxeita a regras fiscais europeas que esixen disciplina orzamentaria e control do déficit e de débeda, polo que unha suspensión ampla da regra de gasto podería ser incompatible con estas obrigas.

 

 

Menor explicou que a reactivación destas restricións limita ás administracións, en especial ás que están perfectamente saneadas, para que os investimentos financeiramente sostibles “se poidan desgravar para poder mellorar a regra de gasto”. Neste sentido, Luis Menor reivindicou que no caso da Deputación ourensán, que ten “débeda cero”, “se nos obriga a tomar medidas de restrición no gasto por incumprir esas regras fiscais”, provocando que, a pesar de contar cun remanente de máis de 20 millóns de euros, “non podemos atender as necesidades dos concellos e entidades da provincia”.

Unha situación que, como lembrou Luis Menor, no caso de Ourense agrávase pola vaga de lumes, xa que non permite nin á Deputación transferir fondos aos concellos, nin aos propios concellos afectados polos lumes con capacidade económica para realizar investimentos, “facer fronte ás emerxencias derivadas desta situación”.

Menor lembroulle que a Corporación Provincial aprobou por unanimidade no pasado Pleno a eliminación destas restricións financeiras e que volverán a levar este acordo a este Pleno de setembro porque está “máis que xustificada” a eliminación das regras fiscais “pola situación que temos en Ourense onde máis de 40 concellos se viron afectados polos lumes”.

O presidente da Deputación recibiu por parte do subdelegado o compromiso de dar traslado a esta petición e de informar sobre a resposta.

Back to top button